Construcuatro pediu que lle perdoasen 1,8 millóns de multa por sobreprezos en vivendas protexidas e o TSXG denégao

O barrio de Navia, en Vigo, onde Construcuatro cobrou sobreprezos ilegais © DT Ingenieria

A construtora foi sancionada con 2,5 millóns por cobros ilegais a compradores cando Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, era un dos socios, e tras ratificar o Supremo a multa pediu non pagar o 75%, pero a xustiza rexéitao

En 2011 Construcuatro, da que era socio Telmo Martín, alcalde de Sanxenxo, foi sancionada por cobrar sobreprezos ilegais a compradores de vivendas protexidas que executara no polígono de Navia, en Vigo. Tras sucesivos recursos, a multa de 2,5 millóns de euros foi ratificada en 2018 polo Tribunal Supremo, pero a empresa pediu que lle fose perdoado o 75% da sanción. A Xunta denegoullo e recorreu novamente á xustiza, que agora, a través dunha sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG), lembra que ese perdón parcial "debe só darse en supostos excepcionais". En 2012, pola contra, a Xunta perdoara outra multa de 3 millóns á mesma Construcuatro por invadir o dominio público marítimo-terrestre en Sanxenxo.

O barrio de Navia, en Vigo, onde Construcuatro cobrou sobreprezos ilegais © Google

A sentenza agora emitida polo TSXG con data do 15 de febreiro, adiantada por Faro de Vigo e revisada por Praza.gal, lembra que Construcuatro foi multada en 2011 pola Xunta con 2.470.000 euros por unha infracción moi grave por cobrar cantidades superiores ao prezo oficial de venta de vivendas protexidas que levantara en Navia. Tamén foi sancionada a devolver as cantidades cobradas ilegalmente. A empresa recorreu ante a xustiza e primeiro o TSXG en 2016 e despois o Supremo en 2018 ratificaron a sanción.

Naquel momento, preguntado pola condena á empresa do seu compañeiro de partido, o daquela presidente da Xunta e do PPdeG, Albero Núñez Feijóo, xustificou que Telmo Martín xa se sometera ás urnas tras coñecerse a multa "e volveu ser elixido como a lista máis votada".

Tras a sentenza do Supremo a construtora presentou un escrito ante a Xunta solicitando información sobre como cumprir coa devolución dos cartos cobrados ilegalmente aos compradores e pedindo un aprazamento da multa. Tras cumprir coa devolución dos cartos, a Xunta concedeu a Construcuatro un aprazamento condicionado á formalización dunha garantía, que a empresa concretou a finais de 2018 a través dunha hipoteca inmobiliaria. 

Rajoy, Martín e Feijóo nun acto en Sanxenxo © PP

O TSXG lembra que o perdón da multa é unha posibilidade, non unha obriga, e que "debe só darse en supostos excepcionais"

Un ano máis tarde, a finais de 2019, Construcuatro pediu "a condonación parcial da sanción" apelando a que a lei de vivenda contempla a posibilidade de que a Xunta perdoe "ata un 75% da multa imposta". O Goberno galego denegou o perdón a comezos de 2020 e a empresa recorreu esa decisión ante o TSXG, que agora a ratifica.

O tribunal lembra que a lei "emprega a palabra poderá, non deberá" e que polo tanto o perdón é "unha concesión graciable da administración que se pode ou non dar". Unha posibilidade que ademais a lei contempla "en función do tipo de infracción cometida e dos prexuízos causados a terceiros ou ao interese xeral". O TSXG salienta que o perdón "debe só darse en supostos excepcionais" e que será neses casos nos que a Xunta teña que argumentar debidamente a súa decisión, non no caso de denegar a condonación.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.