Máis de once mil pequenos non teñen pediatra asignado en Galicia

Área pediátrica dun centro sanitario galego © Sergas

Máis de 11.000 pequenos e pequenas sen pediatra asignado en Galicia porque o 18% das prazas do Sergas están vacantes ou son cubertas por médicos de familia puericultores. É a denuncia que vén de facer o sindicato médico O'Mega tirando dos datos que facilita a Asociación Española de Pediatría a través dunha enquisa.  

O 18% das prazas de pediatría do Sergas están vacantes ou son cubertas por médicos de familia

Segundo esas cifras, en Galicia hai case 11.500 cativos e cativas (11.478) que non é que non reciban atención por parte dun profesional sanitario, senón que non teñen un médico de referencia ao que acudir, máis aló dos problemas de falta de pediatras que, por diversas circunstancias, si que se dá en moitas comarcas galegas. 

Mobilización da plataforma Zas sen Recortes en Pediatría CC-BY-SA Plataforma Zas sen Recortes en Pediatría

Segundo destaca O'Mega, en Galicia 16 das 343 prazas de pediatría que existen nos centros de saúde están vacantes (4,6%) e outras 45 (13,1%) están ocupadas por médicos de familia puericultores. Por cidades, en Pontevedra é onde hai máis vacantes sen cubrir, seis, seguida de Vigo (4), Lugo e Ourense (2) e Ferrol e Compostela (1). 

Ademais, o maior número de casos de prazas de pediatría cubertas por médicos de familia dáse na Coruña e Lugo (11), seguidas de Santiago (8), Vigo (5), Ferrol (4) e Ourense e Pontevedra (3).

O'Mega esixe a "inmediata cobertura" de todas as prazas de pediatría vacantes, o que suporía a contratación de 61 profesionais

Segundo Alberto Freire, delegado de O'Mega na área sanitaria da Coruña-Cee, a situación non só é "prexudicial para os usuarios da asistencia pediátrica en Galicia, senón que prexudica todo o sistema sanitario público porque os 45 médicos puericultores que ocupan prazas de pediatras supoñen unha diminución de recursos para a asistencia primaria xeral, onde tamén faltan médicos de familia". 

Ante esta situación, o sindicato esixe ao Sergas a "inmediata cobertura" de todas as prazas vacantes para paliar unha situación que veu deteriorándose durante os últimos anos e que "ameaza con agravarse aínda máis coa xubilación prevista de pediatras actualmente en activo no Sergas". En resumo, din, suporía a contratación de 61 pediatras para cubrir todas as vacantes ou prazas ocupadas por médicos de familia.  

Manifestación para reclamar a cobertura da praza de pediatría en Cedeira © Concello de Cedeira

A Consellería de Sanidade contestou ás acusacións do sindicato O'Mega e aos datos facilitados asegurando que Galicia é "unha das poucas comunidades" onde o 90% da atención a nenos e nenas nos centros de saúde é realizada por pediatras. "O 10% fana especialistas de medicina familiar e comunitaria, cunha formación sólida no campo da pediatría", explican. 

O'Mega aposta tamén por unha "optimización de recursos humanos" non dividíndoos en quendas de mañá e tarde e alerta de que a carencia de pediatras non é exclusiva de Galicia, senón que se espalla por todo o sistema sanitario estatal, onde "máis de medio millón de nenos carecen de pediatra asignado", segundo os datos da Asociación Española de Pediatría. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.