Os Xesuítas piden "perdón ás vítimas unha vez máis" ante un programa de 'Salvados' sobre abusos no colexio de Vigo

Colexio dos Xesuítas en Teis, Vigo © Colexio Apóstol Santiago

"É unha realidade dolorosa que tamén forma parte do noso pasado", di o colexio de Teis, que colaborou na reportaxe Jesuitas 87, do xornalista vigués Gonzo, antigo alumno do centro

O programa Salvados, presentado polo xornalista vigués Gonzo, emitirá o próximo domingo Jesuitas 87, unha reportaxe que analiza agresións e abusos no colexio vigués da orde relixiosa. O propio Gonzo foi alumno do centro e reúnese con antigos compañeiros cos que relata "o maltrato e acoso que sufrían os alumnos por parte dos profesores e curas".

Ante esa emisión o centro educativo de Teis remitiu unha carta ás familias salientando a súa colaboración co programa e pedindo "perdón ás vítimas unha vez máis".

Carta do colexio dos Xesuítas de Vigo ás familias CC-BY-SA Praza Pública

Segundo a carta agora remitida polo colexio ás familias, este "considerou oportuno" participar no programa "para poder reafirmar o posicionamento actual" tanto do centro como da Compañía de Xesús, "pedir perdón ás vítimas unha vez máis" e "confirmar o noso compromiso coa protección dos menores no marco do actual Sistema de Contorna Segura".

"Os abusos cometidos no colexio no pasado", di o centro, son "unha realidade dolorosa"

A carta remitida ás familias recoñece que "os abusos cometidos no colexio no pasado" son " unha realidade dolorosa" que "debemos asumir, coñecer e recoñecer para aprender así dos erros e do dano causado, e poder, como estamos facendo, mellorar cada día o noso traballo" e impedir "que feitos como os acaecidos poidan volver a suceder".

No documental de Salvados participaron un ex-director do colexio e ex-alumno na época analizada, Iván Mirón, e o actual delegado de Educación da Compañía de Xesús en España, Antonio Allende. E a actual dirección do centro ofrécese ás familias para "escoitar, aclarar e seguir construíndo xuntos unha cultura do coidado e da prevención de calquera tipo de abuso".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.