0 Gardados para despois

Prolingua denuncia a "exclusión" do galego de Xuventude Galicia Net

Redacción | @prazapublica

Esta fin de semana celebrouse en Silleda Xuventude Galicia Net, a maior party informática de Galicia, con ao redor dun milleiro de participantes, e xa quince edicións ás súas costas. Durante 72 horas os e as inscritas puideron gozar de forma ininterrompida dun posto con conexión de altas prestacións para o seu equipo informático, con dereito a acampar no interior do pavillón e a participar en máis de 30 actividades distintas.

"De querérmonos inscribir, non podemos facelo en galego; e de navegarmos polo portal do Xuventude Galicia Net, nada de galego, e o mesmo podemos dicir das redes sociais ligadas ao evento"

Prolingua denuncia que a lingua galega ficou "excluída" do evento: "a pesar de levar na cabeceira o nome de Galicia, o galego está ausente de todo o demais", sinala a plataforma. "De querérmonos inscribir, non podemos facelo en galego; de consultarmos as normas do encontro ou de conectármonos ao seu streaming, unha e outra vez a mesma canción: só castelán; e de navegarmos polo portal do Xuventude Galicia Net, nada de galego, e o mesmo podemos dicir das redes sociais ligadas ao evento", critican. Prolingua subliña que esta "exclusión" non se dera nas edicións anteriores, pois "abonda con consultarmos o timeline do facebook ou do twitter das anteriores edicións para comprobarmos como daquela se dirixían con toda normalidade en galego aos seus seguidores".

"Dóenos moito que quen debería ser o principal valedor do galego, a Xunta de Galicia, rompa unha vez máis con ese compromiso que está na cerna da súa razón de ser"

O Xuventude Galicia Net conta co apoio da Xunta, que asinou un convenio de colaboración de 25.000 euros para a súa organización. A este respecto, Prolingua afirma que "dóenos moito que quen debería ser o principal valedor do galego, a Xunta de Galicia, rompa unha vez máis con ese compromiso que está na cerna da súa razón de ser". "Que foi da ratificación legal de prestar todos os servizos públicos preferentemente en galego publicada nun DOG no pasado mes de abril? Xa é papel mollado?", pregúntase. "Tamén nos doe que entidades públicas como a Deputación de Pontevedra ou o Concello de Silleda actúen como mudos patrocinadores dun novo desprezo á lingua propia de Galicia", engade. 

ProLingua expresa o seu desexo de que "a Xunta de Galicia, e o mesmo outros organismos que deberían ser exemplo no uso normalizado do galego, non patrocinen eventos que salientan pola ausencia da nosa lingua"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.