"Queremos unir 'negocio' e 'software libre', que todos os sectores coñezan as oportunidades que se abren"

A Cidade da Cultura acollerá a LibreCon 2015 © Xunta

A vindeira semana Compostela acollerá o maior evento de tecnoloxías abertas e negocio, a LibreCon 2015, organizada por AGASOL, ASOLIF e Cluster TIC Galicia. O evento, que terá lugar os días 29 e 30 de outubro na Cidade da Cultura, chega á súa quinta edición, co obxectivo fundamental de impulsar o negocio e crear emprego en todos os sectores da sociedade a través das tecnoloxías libres, a innovación e o emprendemento.

Polo encontro pasarán representantes de grandes empresas, como Canonical, Intel ou Microsoft, e amosaranse casos de éxito no aproveitamento das posibilidades que abre o software libre. Haberá tres grandes eixos temáticos: automoción, internet das cousas e educación, buscando demostrar que as tecnoloxías libres ofrecen solucións en calquera sector. Cunha participación total de 1.500 profesionais e unhas 600 empresas, espérase superar as 500 reunións de negocio que se levaron a cabo na edición 2014, celebrada en Bilbao. Ademais, entregaranse os premios Clúster TIC Galicia e haberá mesmo unha sesión (Librekids) para os máis pequenos e pequenas. Falamos con Xavier Castaño, presidente de AGASOL (Asociación de Empresas Galegas de Software Libre).

"No evento tratamos de xuntar os conceptos negocios e software libre" -di- "O obxectivo é atraer empresas, pero non só empresas TIC, senón tamén doutros sectores. O fundamental é que compañías e profesionais que na actualidade non están traballando co software libre se acheguen e comproben que estas tecnoloxías si lles poden proporcionar servizos e solucións para a súa actividade; que se decaten de que é un ámbito en auxe, no que empresas punteiras están realizando investimentos moi importantes".

Automoción

Os tres eixos temáticos incidirán neste obxectivo. Quérese poñer de manifesto o uso que xa se está a facer na industria da automoción, e as oportunidades que se abren. Por Compostela pasará Roberto Zompi, xerente de Enxeñaría Avanzada na multinacional de compoñentes e sistemas de alta tecnoloxía para o automóbil Magneti Marelli, pertencente ao Grupo Fiat Chrysler. Zompi é tamén vicepresidente de Genivi Alliance, un consorcio de varias multinacionais que promove a aplicación de software de código aberto na automoción, de cara a crear unha plataforma común que aforre custes e coa que, posteriormente, cada empresa poida traballar para ofrecer aplicacións de entretemento nos vehículos. Nesta mesma liña temática, haberá outras intervencións, coma a de Tin Hang Liu, de OSVehicle, unha plataforma open source para coches eléctricos que xa foi cualificada por moitos coma o “Arduino para vehículos” ou o “Android para vehículos eléctricos”.

"Dada a importancia en Galicia do sector da automoción e os movementos que está habendo ao redor do software libre, pensamos que este debía ser un aspecto central da LibreCon", destaca Castaño. "Se o noso obxectivo é xerar negocio neste campo, que mellor que tratar de xuntar as empresas galegas de automoción coas empresas galegas de software libre", di. Pola súa banda, Antonio Rodríguez del Corral, presidente do Clúster TIC Galicia e director de Desenvolvemento de Negocio de R, sinala que “a participación de Roberto Zompi garante un debate do máximo nivel nun eido de tanta relevancia económica como é a aplicación das tecnoloxías abertas ao sector do Automóbil”.

Internet das cousas

"Dada a importancia en Galicia do sector da automoción e os movementos que está habendo ao redor do software libre, pensamos que este debía ser un aspecto central da LibreCon"

Outra das liñas fundamentais da LibreCon 2015 xira ao redor da Internet das Cousas e ás aplicacións na electrónica de consumo. Destaca a intervención de Victor Tuson Palau, vicepresidente de Canonical, a empresa que está detrás de Ubuntu; Palau é responsable dos proxectos para a aplicación deste sistema operativo de código aberto aos dispositivos móbiles. Tamén falarán Dominig Ar Foll (Intel) ou José Ángel Fernández (Microsoft). "Ultimamente estamos escoitando falar moito das smart cities ou das smart home; o internet das cousas está sendo central no mundo da tecnoloxía, tamén en Galicia", destaca Xavier Castaño. "Conseguimos que viñeran representantes de empresas moi importantes do sector, que á súa vez foron quen de atraer outras compañías clave, como Telefónica ou IBM", di.

"Un dos obxectivos era tentar escapar de que o evento fose exclusivamente tecnolóxico ou exclusivamente dirixido a profesionais e empresas do sector TIC e entusiastas do software libre", explica. "Veremos casos de éxito próximos, de empresas galegas, o que permitirá abrir moitas portas e dar a coñecer todas as oportunidades que se abren", di. Por exemplo, unha das conferencias -"El internet de las vacas", a cargo de Fernando Calle (ASPGems)- afondará en todas as utilidades posibles do software libre das que unha empresa de gandaría se pode beneficiar. Neste caso, a súa empresa desenvolve produtos que monitorizan os animais en tempo real, o que permite predicir enfermidades, partos ou calquera anomalía.

Educación

"Veremos casos de éxito próximos, de empresas galegas, o que permitirá abrir moitas portas e dar a coñecer todas as oportunidades que se abren"

O terceiro grande eixo temático é o da educación, un campo no que dende hai tempo se están aplicando diversas aplicacións que empregan tecnoloxías libres. "A presenza da educación na LibreCon era case obrigada", sinala Castaño, "dado o gran número de proxectos educativos que se están levando a cabo con software libre, e o peso que neles teñen as empresas galegas do sector, representadas en AGASOL". María José Rodriguez Malmierca (CESGA) falará por exemplo do Proxecto RuralSchoolCloud, que explora as potencialidades da computación cloud e o software libre para mellorar a forma de traballar, colaborar, ensinar e aprender nas pequenas escolas rurais. Falarase tamén de Edupunk, de "Transdisciplinariedade na educación: tecnoloxía, ciencia, estética e prototipado" (Beka Iglesias) ou da "Escola como hacklab" (Mikel Arbiza).

A LibreCon busca atraer distintos perfís e públicos obxectivos, por unha banda as propias empresas TIC e que ofrecen servizos de software libre, "pero tamén e moi especialmente os responsables de informática de empresas doutros sectores", destaca Xavier Castaño. É igualmente destacable o interese que pode espertar "no estudantado ou as persoas novas que remataron as súas carreiras e están interesadas en coñecer as oportunidades de negocio existentes no software libre e as súas aplicacións", di. E, en xeral, a todas as persoas interesadas polas tecnoloxías abertas e polos novos camiños e posibilidades que crean.

 

Unha grande oportunidade para o sector TIC galego

"Cada vez hai máis empresas doutro tipo que utilizan ferramentas de software libre na súa actividade. Non forman parte estritamente do sector, pero demostran unha implantación cada vez máis xeral"

"É unha oportunidade moi importante para o sector TIC galego", salienta Xavier Castaño, que subliña a experiencia consolidada das edicións anteriores da LibreCon e do feito de ter acollido Compostela nos últimos anos eventos coma a Libre Software world conference, celebrada en 2012, tamén na Cidade da Cultura. "A crise afectou estas empresas, coma a todos, pero as compañías que traballan para fóra de España puideron salvala mellor" -explica- "neste senso, unha das cousas que permite o software libre é ser quen de exportar servizos con máis facilidade; permíteche xerar coñecemento para competir a nivel mundial con outras empresas de igual a igual". Aínda así, recoñece, "as empresas galegas do sector notaron a crise, por suposto; moitas se cadra non ata o punto de ter que pechar, pero si que tiveron que compactar o seu tamaño para poder afrontar a situación".

Con todo, a realidade das empresas galegas de software libre é a dun sector que foi "crecendo e consolidándose", pois en paralelo ás compañías que ofrecen servizos e produtos tecnolóxicos, "cada vez hai máis empresas doutro tipo que utilizan ferramentas de software libre na súa actividade". "Aínda que estas non forman parte estritamente do sector, si que demostran unha implantación cada vez máis xeral", conclúe.

 

Premios Clúster TIC Galicia

No marco da LibreCon entregaranse ademais os Premios Clúster TIC Galicia, que buscan recoñecer o traballo de todos os axentes comprometidos co desenvolvemento do tecido produtivo baseado na Sociedade da Información. Teñen cinco categorías (Innovación, Internacionalización, Liderado TIC, Start-ups e Software Libre) e o prazo para o envío de candidaturas está aínda aberto ata a medianoite deste xoves. Para cada categoría haberá tres finalistas e un comité avaliador escollerá as candidaturas gañadoras. O resultado final darase a coñecer o xoves 29 ás 19.30, nunha gala que se inclúe na programación da LibreCon.

Xavier Castaño, á esquerda, presidente de AGASOL Dominio Público Agasol
Imaxe da LibreCon 2014, celebrado en Bilbao Dominio Público Flat101
Pausa para o café na Libre Software World Conference, celebrada en 2012 en Compostela Dominio Público Igalia
Inauguración da Libre Software world conference, en 2012 © Esle

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.