0 Gardados para despois

"Unha suba das taxas suporía unha barreira para o acceso dalgunhas persoas á universidade"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña, tomou posesión do seu cargo o 13 de xaneiro criticando no seu discurso o sistema de financiamento universitario do Goberno de Núñez Feijoo. Aposta por aumentar a cooperación entre as tres universidades galegas, o mantemento da conxelación dos prezos das matrículas e pola internacionalización das universidades en todas as súas áreas.

Cales son os obxectivos do seu equipo para os vindeiros catro anos?

Marcamos tres obxectivos fundamentais, que son reforzar a investigación, afondar na internacionalización, de xeito transversal -non só referido ao intercambio de alumnos e profesores-, e axilizar posta en marcha da administración electrónica canto antes.

"Non temos autonomía financeira, porque dependemos da Xunta, pero necesitamos unha autonomía para fixar as nosas prioridades"

A universidade ten neste momento un problema de financiamento e o outro día vostede foi moi crítico coa política da Xunta de Galicia ao respecto. En que basea a súa crítica?

O máis importante e o que eu defendo é que o financiamento ten que ser público. Cando se nos di que temos que buscar financiamento privado, iso xa é habitual nas universidades, pois moitos convenios ou axudas para a investigación teñen orixe privada, pero iso é algo que se financia de forma finalista. Do que estamos a falar é do financiamento estrutural, do cadro de persoal de persoal docente e de PAS e os gastos correntes, iso ten ser financiamento público. Non temos autonomía financeira, porque dependemos da Xunta, pero necesitamos unha autonomía para fixar as nosas prioridades. E son dúas: formar bos profesionais e axudar á cohesión social, ofertando un número de prazas suficiente para que os alumnos poidan acceder aos estudos por mérito de capacidade e non por cuestións económicas. Ademais, manifestei o meu desacordo co Plano de Financiamento do sistema universitario galego 2011-2015, porque entendemos que está moi escorado cara ao tema da transferencia de coñecemento e minusvalórase o tema da docencia e a formación de bos profesionais. Entendemos que non son os criterios axeitados. 

Prímase, por exemplo, contar con centros de excelencia, dos que a UDC carece, o que penaliza o financiamento para esta universidade...

Incluíuse ese criterio de ter un campus de excelencia internacional, cando a nosa intención é colaborar coas outras dúas universidades galegas, e por exemplo nós tamén participamos no Campus do Mar de Vigo. Debería terse en conta esa cooperación se o que se quere é aumentar esas sinerxías e non aumentar a competitividade entre as universidades. Non se pode ter un discurso e despois tomar decisións que van en contra dese discurso.

Mantense o mesmo proxecto para contar cun campus de excelencia?

Si, nós temos claro que a compoñente tecnolóxica é un aspecto importante da Universidade da Coruña, e do mesmo xeito que continuaremos colaborando coas universidades de Vigo e Santiago nos Campus do Mar e no Campus Vida, tentaremos levar adiante o mesmo proxecto. O que non teño claro é se vai haber convocatoria estatal, pero se a hai, presentarémonos.

Entre as primeiras medidas do goberno de Mariano Rajoy está un recorte de 600 millóns de euros para a investigación universitaria. Existe preocupación pola influencia que isto poida ter nas políticas de I+D+i?

É unha preocupación, porque o 80% da investigación que se fai en Galicia faise nas universidades. Se se retiran fondos, os resultados van ser peores. Nesta cuestión, ademais, cando das pasos atrás, despois é difícil recuperar o mesmo ritmo.

Tamén se lanzan mensaxes, dende o reitorado da USC e dende a mesma Xunta, de que é posible que soban as taxas. Cal é a súa posición ao respecto?

Nós dixemos varias veces que o mellor que se pode facer é manter a conxelación das taxas. Se se soben as taxas iso vai supoñer unha barreira. Tendo en conta que as taxas supoñen un 14% dos ingresos da universidade, se se soben un dez por cento, iso só vai supoñer un un por cento adicional. É dicir, non vai amañar nada o problema de financiamento e vai supoñer unha barreira económica para o acceso dalgunhas persoas á universidade. Quen primeiro o propuxo foi o presidente Piñera de Chile e a consecuencia é que a clase media chilena está tendo dificultades. Ou podemos mirar o que pasa no Reino Unido, onde os aumentos de entre o 50 e o 100 por cento están facendo que moitos estudantes marchan a outros países con taxas máis reducidas.

"Temos que cooperar e ser competitivos fóra de Galicia, pero mal faríamos se competísemos entre nós por pouca cousa"

Como se pode aumentar a cooperación entre A Coruña, Santiago e Vigo para mellorar o Sistema Universitario Galego?

Temos que cooperar, colaborar e ser competitivos fóra de Galicia, no contexto europeo e do mundo globalizado, pero mal faríamos se competísemos entre nós por pouca cousa. Temos unha dimensión pequena. No momento tomouse a decisión de que en Galicia houbese tres universidades, e non é agora cuestión de replantearse iso. Pero o que tamén estaba previsto era a colaboración e cooperación dentro do sistema. Tanto na docencia de graos coma sobre todo nos mestrados estamos chegando a acordos para posta en marcha de programas conxuntos -no caso dos mestrados é aínda máis doado por ser títulos de recente implantación-. O obxectivo é colaborar na investigación tamén, como estamos a facer nos campus de excelencia internacional, coma o Campus do Mar, o Campus Vida ou o Campus de Territorio e Tecnoloxía que propuxo a Universidade da Coruña. E tamén buscar sinerxías para buscar financiamento e ser máis competitivos.

A UDC mantén a reivindicación de contar do grao de Medicina? En que punto está ese proceso?

Hai unha gran demanda de estudos de Medicina; en Galicia entran cada ano catrocentos alumnos e ademais cunhas notas de corte moi altas. Existe esa demanda social e o sistema universitario galego ten capacidade para responder a esa demanda e ofrecer as súas instalacións, medios e profesorado. Propoñemos buscar unha fórmula de colaboración entre as tres universidades, como xa se publicou no DOG en xullo de 2011, con grandes dificultades, como sempre hai para todo o que sexa sumar e colaborar, porque parece que é máis fácil dividir e duplicar. Pero temos claro que ese debe ser o obxectivo e esperamos avanzar niso.

Cando terá a Universidade da Coruña a súa residencia de estudantes?

Temos o dubidoso honor de ser unha das poucas universidades que non conta con ningunha residencia universitaria. Expropiáronse os terreos, fíxose concurso de ideas, elaborouse o proxecto, fíxose o concurso para a adxudicación das obras, e cando estaba xa para adxudicar á empresa gañadora houbo un cambio na administración, que parece que plantea outro tipo de solución. É un tema que está parado por ese motivo.

Como se pode incrementar a relación entre universidade e sociedade?

Valoramos moito o labor do Consello Social, na que están presentes todas as organizacións sociais, partidos, sindicatos, empresarios e entidades culturais; estanse dando pasos para aumentar esa relación entre a universidade e a sociedade. Está a actividade de NORMAL, o centro cultural que abrimos no centro da cidade, o parque tecnolóxico, o viveiro de empresas... Hai que seguir avanzando nesa relación.

Desactivar os subtítulos Activar os subtítulos

Xosé Luís Armesto, reitor da Universidade da Coruña

TingaLaranga AudioVisual

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.