0 Gardados para despois

O hospital da Coruña, líder estatal en transplantes durante 2015

Redacción | @prazapublica

Os 258 transplantes realizados no hospital da Coruña, un 22% máis que no ano anterior, converteron o centro sanitario coruñés no líder estatal nesta materia. A Organización Nacional de Transplantes (ONT) e o Ministerio de Sanidade fixeron públicos este martes o balance de doazóns e transplantes do exercicio que vén de rematar, un período no que a ONT rexistrou un "incremento histórico de todos os transplantes", ao que o complexo hospitalario da Coruña, que o pasado outono acadou o milleiro de transplantes hepáticos, contribuíu con, entre outras, 25 doazóns multiorgánicas e 33 transplantes renais de persoas doadoras vivas.

No conxunto do Estado cuantificouse un total de 1.851 persoas doadoras, un 10% máis que en 2014, das que 109 estaban en Galicia. Os datos da ONT indican que o país foi un dos territorios nos que máis aumentou o número de doadoras en termos absolutos, con 18 máis que un ano antes, mellorando tamén o indicador de persoas doadoras por cada millón de habitantes: 39,9 fronte ao 33,1 do 2014. 

Estas cifras fan que Galicia fique máis de nove puntos por riba da media estata no incremento porcentual de persoas doadoras, cun aumento de practicamente o 20%, se ben lonxe das autonomías nas que máis se incrementaron, como Euskadi, La Rioja, Cantabria ou Extremadura. O número de persoas doadoras só se reduciu en Madrid, Asturias, Castilla y León e Balears.

Segundo o director da ONT, Rafael Matesanz, a "implicación" do persoal médico de urxencias é "unha das claves" para que as cifras de transplantes de órganos e tecidos continúen a mellorar ano tras ano. Isto prodúcese, destaca, nun contexto no que cada vez son menos as persoas doadoras falecidas en accidentes de tráfico. Desta volta este tipo de doadoras situáronse nun 4,2% do total estatal, a porcentaxe máis baixa dende que hai rexistros. "Dende que se aprobou a nova lei de seguridade viaria no ano 2005 -destaca a ONT- este tipo de doadores por accidentes de tráfico reduciuse nun 70%".

En total, durante o ano 2015 realizáronse máis de 2.900 trnasplantes renais, case 1.200 de fígado, uns 300 transplantes cardíacos, 294 transplantes de pulmón, case un cento de transplantes de páncreas e 12 intestinais. Así, grazas ás 1.800 persoas doadoras puidéronse transplantar máis de 4.700 órganos durante os últimos doce meses.

Transplantes por comunidades autónomas durante 2015

CC BY-SA Praza Pública

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.