O sector TIC emprega en Galicia o dobre de homes que de mulleres

Número de traballadores/as no sector TIC en Galicia Dominio Público Praza Pública

O Observatorio da Sociedade da Información en Galicia (OSIMGA), adscrito á Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA), vén de publicar o seu segundo estudo sobre o Hipersector TIC de Galicia. O informe amosa que en 2014 seguiu crecendo o número de empresas tecnolóxicas e de contidos, así coma o seu peso na economía galega, aínda que se perderon postos de traballo. Mantéñense igualmente outras tendencias e dinámicas, coma a intensidade do investimento en I+D neste tipo de empresas e o predominio masculino no emprego, que mesmo se incrementa: hai dous homes por cada muller.

A inmensa maioría destas compañías (2.674 das 3.211) teñen un máximo de dous asalariados

En Galicia hai 3.211 empresas desenvolvendo actividades do Hipersector TIC. Destas empresas, un 72,6% corresponden ao subsector TIC e un 27,4% ao subsector contidos. En 2014 o número total de compañías creceu un 1,6%, pero de forma desigual: o subsector TIC experimentou un incremento do 4%, mentres que as empresas do sector contidos sufriron un descenso do 4,2%. As empresas galegas do Hipersector TIC supoñen o 4,5% do total do Hipersector TIC en España. O 80% localízanse nas provincias da Coruña (46%) e Pontevedra (34%). A inmensa maioría destas compañías (2.674 das 3.211) teñen un máximo de dous asalariados.

O sector emprega a 19.534 traballadores e traballadoras (14.400 o subsector TIC e 5.134 o subsector contidos), sumando catro anos consecutivos de destrución de postos de traballo: en 2011 empregaba a 21.891 persoas. O 20,8% desenvolve o seu traballo baixo o réxime de autónomos/as. Dous de cada tres traballadores son homes (12.633), unha fenda de xénero que é maior no subsector TIC (9.578 a 4.810). En 2014 a fenda de xénero aumentou, pois mentres que o emprego masculino practicamente se mantivo, o emprego feminino descendeu nun 13,2%. A desproporción entre homes e mulleres non deixou de aumentar dende o ano 2011, pasando a porcentaxe de mulleres no sector do 35% ao 30%

A fenda de xénero non deixou de aumentar dende o ano 2011, pasando a porcentaxe de mulleres no sector do 35% ao 30%

Nunha tendencia contraria á experimentada no conxunto do sector empresarial, as empresas do Hipersector TIC galego incrementaron no último ano o seu investimento en I+D, dedicándolle máis de 36 millóns de euros a gastos internos totais e de persoal en I+D, fronte aos case 30 millóns de euros do ano anterior, o que supón un crecemento superior ao 22%

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.