0 Gardados para despois

As matemáticas (en galego) explícanse de marabilla

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


O Decreto de Plurilingüísmo aprobado polo Partido Popular en 2010 impide expresamente (artigos 6.3 e 7.3) que tanto en primaria coma en secundaria as clases de matemáticas se impartan en galego. Este veto -casualmente ou non- chegou despois duns anos nos que se fixeron populares bulos (nunca comprobados e mil veces desmentidos) coma que algúns mestres que optaban polo galego empregaban fórmulas coma ao caldeiro para referirse ao elevación ao cubo.

Os colectivos en defensa da lingua teñen sinalado nos últimos anos a inxustiza e ilegalidade desta prohibición e outros grupos como Igaciencia (entidade a prol da Ciencia Galega e do Galego na Ciencia) reivindican a utilidade do idioma para estas áreas. En entrevista con Praza Manuel Díaz Regueiro, presidente de Igaciencia, sinalaba que "semella que consideran que hai unhas materias nobres -fálanse en A- e outras menos nobres, ou folclóricas -en B- (...) O único que queren facer é transmitir con esa medida a idea de que o galego é unha lingua de labregos, obreiros e poetas, pero non burguesa, de xente acomodada. Unha lingua da que hai que mudar se un quere prosperar, unha lingua B".

Dende o ano 2011 organízase o concurso Explícoche Matemáticas 2.0, un certame dirixido ao alumnado do sistema universitario galego, de Bacharelato, e de 3º e 4º da ESO co obxectivo de "promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas, así como a creatividade do alumnado". Está organizado pola Facultade de Matemáticas da USC en colaboración coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC, e consiste na gravación de curtametraxes de ao redor de dous minutos de duración nas que se explique en galego un concepto matemático.

Os puntos de inflexión, as progresións xeométricas, o cálculo do centroide dun polígono ou a relación entre números e xeometría foron algúns dos conceptos que protagonizaron os vídeos gañadores nos últimos anos. O prazo para enviar vídeos e participar na edición 2016 do certame vén de comezar e permanecerá aberta ata o vindeiro 22 de abril.

 

Vídeo gañador da edición 2014-15 na categoría de estudantes de grao

 

Vídeo gañador da edición 2014-15 na categoría de estudantes de secundaria

 

Vídeo gañador da edición 2013-14

Vídeo gañador da edición 2013-14 para os e as internautas

 

Vídeo gañador da edición 2011-12

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.