'O nóvoa': cen anos do libro que levou a modernidade científica ás aulas de Medicina

CC-BY-SA Praza Pública

En 1916 o médico Roberto Nóvoa Santos (A Coruña, 1885-Santiago, 1933) levaba catro anos ao fronte da  cátedra de Patoloxía xeral da Universidade de Santiago de Compostela. A súa sólida formación e primeiros pasos na investigación e docencia parecían asegurarlle un brillante futuro profesional. Porén, moi poucos podían agardar que ese catedrático “de provincias” de pouco máis de trinta anos fose quen de publicar un libro que se convertería durante as seguintes décadas en texto de referencia nas universidades de España e Latinoamérica.

Cambio na  formación médica

No actual curso académico 2015-2016 os 2.350 estudantes do grao de Medicina na Universidade de Santiago de Compostela utilizan para abordar as diversas materias relacionadas coa Patoloxía, o estudo das enfermidades, basicamente dúas obras colectivas sobre Medicina interna que se coñecen co nome de Harrison e Farreras, libros con contidos actualizados en sucesivas e numerosas edicións.

Hai un século os 401 alumnos que seguían estudos na mesma universidade afrontaban no 3º curso da carreira unha materia fundamental na súa formación, a Patoloxía xeral. A análise de conxunto das enfermidades, dos seus mecanismos e de cómo afectan e se manifestan nos distintos sistemas e aparatos do corpo humano. Un coñecemento previo ao estudo polo miúdo das diversas doenzas e que facilitaba aos futuros médicos unha comprensión global de enorme transcendencia. Ese alumnado do curso 1915-1916 tiña como principais libros de texto o de José Letamendi, catedrático da Universidade de Madrid, ou o do seu discípulo, León Corral Maestro, catedrático de Valladolid.

Os fisiopatólogos coidaban que non existe unha fronteira  insalvable entre os estados de saúde e enfermidade e defenderon unha concepción dinámica desta

A diferenza do que acontece hoxe cos Harrison e Farreras, textos que recollen os coñecementos médicos actualizados, ambos manuais compartían unha visión anacrónica da enfermidade, baseada no denominado “eclecticismo médico”. Unha escola que, baixo a aparencia de ecuanimidade, reunía unha mestura incoherente de doutrinas médicas, algunha delas superadas cientificamente (como o vitalismo, a existencia de forzas vitais nos seres vivos con acción á marxe da física e da química) e que foi utilizada como barreira fronte as auténticas innovacións que percorrían universidades e clínicas europeas, sobre todo as alemás. Lugares onde había décadas que se estaba a aplicar a denominada “mentalidade fisiopatolóxica”, superando a actividade clínica limitada a unha observación dos síntomas do doente ou o estudo da lesión. Os fisiopatólogos coidaban que non existe unha fronteira  insalvable entre os estados de saúde e enfermidade e defenderon unha concepción dinámica desta; prestaron especial atención á alteración da función relacionada coa modificación metabólica, bioquímica, do doente, polo que o labor clínico, o contacto médico-pacente, precisaba do complemento do estudo no laboratorio de cara a establecer un diagnóstico correcto e unha terapia axeitada.

En busca dun futuro profesional

Entre outubro de 1900 e xuño de 1907 Nóvoa cursou brillantemente os estudos de Medicina en Santiago. O 27 de xuño de 1908 presentou en Madrid a súa tese doutoral e todo parecía indicar que tiña por diante unha exitosa traxectoria universitaria. Mais a ausencia dunha oferta académica concreta e de medios económicos familiares levárono a deixar a institución.

En primeiro lugar instalou, a fins de 1908, a súa consulta privada en Ferrol, elección condicionada polo feito de que o proxenitor, sarxento de Artillería, estaba destinado alí. A ausencia de clientela e o cambio na situación do pai, que se licenciou por enfermidade en febreiro de 1909 e se trasladou para Coruña, debeu influír en que Nóvoa mudara a consulta para a súa cidade natal, na que o dominio dos populares médicos Ramón Amigo Brey e Xosé Rodríguez Martínez limitou moito as posibilidades profesionais do novo galeno.

Retorno á universidade

En 1911 Francisco Romero Molezún, catedrático da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago, avisou ao seu antigo e sobranceiro alumno da existencia dunha vacante na praza de auxiliar de Patoloxía e Nóvoa entrou en primavera como interino, gañando a praza de auxiliar ese ano. O último trimestre de 1911 acudiu a completar a súa formación a Burdeos e París, grazas a unha bolsa lle concedeu a Junta para Ampliación de Estudios (JAE). Que tivo continuidade no ano seguinte, 1912, no que dispuxo de nove meses e cinco días para permanecer no Laboratorio da Clínica Médica da Universidade de Estrasburgo (daquela cidade alemá), onde traballou co cardiólogo holandés Karel Frederik Wenckebach e co especialista en fisiopatoloxía renal e pioneiro na insulinoterapia León Blum. Debeu interromper por un tempo a estadía, pois na primavera se celebraban en Madrid os exercicios para a cátedra de Patoloxía xeral de Santiago, aos que asistiu e nos que obtivo a cátedra.

As edicións do “nóvoa”

O Manual de Patoloxía saíu á luz no prelo da editorial compostelá El Eco de Santiago. Roberto Nóvoa mantiña unha estreita relación con José Ruibal, xerente da empresa e dunha librería co mesmo nome na rúa Nova, quen xenerosamente lle publicara en 1906, sendo estudante de Medicina, un folleto: Sobre la evolución química del Sistema Nervioso y el substratum material del alma, previo un diálogo como este:

"-Ti saberás o que escribes

-Si que o sei, si que o sei"

O Manual, que axiña pasou a coñecerse como “o nóvoa”,  tivo un enorme impacto, foi cualificado de obra maxistral polos máis salientábeis médicos da época

Aquel estudante, culto e brillante pero con moi escasos recursos económicos, que impartía clases particulares para obter algún ingresos, contou con xenerosos agasallos do libreiro, quen lle fornecía de revistas e libros do almacén; máis tarde formou parte da tertulia que se xuntaba no local e afondou no trato con Ruibal. Coidamos que esa relación levoulle a escoller e manter, nun xesto de agradecemento e lealdade, a modesta editorial compostelá como berce do seu célebre Manual. O libreiro entendeuno:

"- Grazas Roberto, polo menos con este libro non perderei cartos"

O Manual, que axiña pasou a coñecerse como “o nóvoa”,  tivo un enorme impacto, foi cualificado de obra maxistral polos máis salientábeis médicos da época e recoñecido como a expresión da ruptura definitiva coas visións decimonónicas da medicina en España. O seu éxito determinou que se publicasen sucesivas edicións, con actualizacións dos contidos. A segunda apareceu en 1922, a 3ª en 1924, a 4ª entre 1927 e 1928, a 5ª en 1930 e a 6ª, póstuma, en 1934. Todas editadas por El Eco de Santiago, agás un volume de 1924. En 1943 foi reeditada a 6ª edición, neste caso pola Editorial Compostela, sucesora de El Eco de Santiago e en 1948 tivo lugar unha nova reedición, en Madrid e con limiar de Gregorio Marañón.

Un contido innovador

Con esta obra o médico galego remataba un proceso que se iniciara un século antes, cando varios colegas seus apostaron por converter á medicina nunha verdadeira ciencia

A entrega inicial do Manual, a de 1916, estaba dividida en dous grandes apartados, Etioloxía e Fisiopatoloxía xerais. No primeiro incluía unha revisión xeral das causas das enfermidades e, de xeito particular, as de orixe infecciosa, da inmunidade e unha achega sobre os tumores dun colega e amigo de Nóvoa, o profesor Abelardo Gallego Canel; no segundo abordaba a patoloxía da nutrición, da “economía térmica”, do sistema endócrino e do sangue.
Nóvoa utilizou unha linguaxe accesible e ofreceu unha brillante síntese do coñecemento médico do seu tempo e, máis concretamente, do pensamento fisiopatolóxico actualizado. Con esta obra o médico galego remataba  dalgún xeito un proceso que se iniciara un século antes, cando varios colegas seus apostaron por converter á medicina nunha verdadeira ciencia e pasar da ciencia conxectural, especulativa, á medicina práctica e estreitamente relacionada cos métodos e achados das Ciencias Naturais.

A concepción fisiopatolóxica de Nóvoa  incluíu, como novidade en España, os procesos psicopatolóxicos, presentando, de xeito pioneiro no terreo da Patoloxía xeral, as contribucións de Sigmund Freud, ao que recoñecía a súa relevancia pero co que evitaba identificarse plenamente.

¿Como xurdiu o Manual?

Desde o momento en que me acheguei ao Manual e coñecín do seu contido e impacto pregunteime como elaborou Nóvoa ese libro. A día de hoxe coido que a explicación ten que ver coa conxunción de varios elementos incidindo nunha personalidade singular: relevantes influencias, certos contactos e o esforzo do autor.

Na Universidade de Santiago tivo unha relación preferente con Ramón Varela de la Iglesia, un catedrático marxinado que o animou ao coñecemento do idioma alemán e lle transmitiu a visión fisiopatolóxica. Nesa mesma liña tamén contou coa influencia do profesor Miguel Gil Casares, especialista en cardioloxía que ampliara estudos en Alemaña, quen puido servirlle de canle para acceder á obra de Ludolf von Krehl, de grande influencia para Nóvoa.
Rematada a carreira a falta de clientes en Ferrol e A Coruña permitiulle dispor dun tempo fundamental que o médico explicou:

Nóvoa Santos anunciou, co inicio da publicación do seu 'Manual' en 1916, o nacemento dunha nova época na formación dos médicos

"- Cunha forza de vontade inquebrantable, seguín estudando illadamente, libre da disciplina universitaria"

A bolsa en Francia e  Alemaña doulle a oportunidade de coñecer procedementos punteiros na clínica e na investigación médica e ampliar o contacto co mundo científico alemán. Xa en Santiago, o novo catedrático mantivo un ritmo frenético de traballo. Despois dun barbeado acompañado de cancións como “Meu pai era sancristán, facía moitas diabruras, mollaba o pan no aceite, deixaba o Cristo ás oscuras” e do almorzo, o catedrático dedicaba a mañá á docencia e a visitar o hospital, a tarde á consulta e, despois de cear, bastantes horas ao estudo e á redacción dos escritos.

Eses factores fixeron posible que Nóvoa Santos anunciara, co inicio da publicación do seu Manual en 1916, o nacemento dunha nova época na formación dos médicos, coa conseguinte mellora na atención aos doentes. Por iso, Roberto, sempre che estaremos agradecidos.

O 'Nóvoa' CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.