0 Gardados para despois

Tek-Fest: Pontevedra como referente nas tecnoloxías aplicadas ao día a día

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


As tecnoloxías que están a cambiar o mundo. Diso vai o Tek-Fest, o encontro internacional de tecnoloxías emerxentes acollerá Pontevedra este mes de setembro. Un evento dirixido aos e ás profesionais do sector que aspira a consolidarse como unha cita obrigada, un referente e unha ponte entre institucións, empresas e a cidadanía para democratizar os recursos máis avanzados da cultura dixital. A tecnoloxía máis nova que xa está a ocupar un papel protagonista no día a día das persoas.

Esta primeira edición dedicará unha atención preferente á realidade virtual e ás imaxes e vídeos en 360 graos que, por exemplo, incorpora xa Facebook. A realidade virtual converteuse, de forma innegable no gra tech trend audiovisual deste ano 2016. Tamén estarán presentes outros temas, coma o big data ou a intelixencia artificial

O Tek-Fest inclúe workshops (obradoiros), instalacións artísticas e performances, que terán lugar entre o 27 de setembro e o 1 de outubro. O evento está dirixido polo enxeñeiro audiovisual marinense e experto en artes dixitais Toño Cabanelas e contará con expertos e expertas de todo o Estado: Miguel Espada, Antonio Víctor Garcia-Serrano, Isabel Berz, Bermudas Land, Manuel González, Jimena Merino ou María Yáñez.

O obxectivo, destacan os seus organizadores é "conectar pasado, presente e futuro coa creación de novos soportes para o desenvolvemento de profesións innovadoras, independentes e sustentables, a artesanía dixital". Diríxese principalmente a profesionais de áreas tecnolóxicas, pero tamén a outros diferentes perfís como xente nativa dixital, curiosas das novas tecnoloxías e tamén a todos os visitantes con gañas de coñecer de primeira man as tecnoloxías que están a cambiar o mundo.

Dende o Concello destácase que con este evento Pontevedra será "unha das urbes pioneiras en desenvolver obradoiros sobre esta tecnoloxía tan innovadora e con tantas aplicacións prácticas: xornalismo, arquitectura, medicina, cine, turismo, comercio electrónico...", un encontro que contribuirá a conformar e fortalecer unha marca de cidade, buscando converter Pontevedra nunha das referentes nestas cuestións en todo o Estado.

"As profesións do futuro terán que resolver problemas que aínda non existen, con ferramentas e tecnoloxías que aínda non se inventaron. Tek-Fest é a fiestra que nos achegará a ese futuro", salientan. Ademais, no marco do encontro, xeraranse unha cantidade moi importante de contidos audiovisuais (vídeo en 360 graos, realidade virtual...) na propia cidade, unha produción que, segundo o Concello, "alimentará o seu posicionamento global como xeodestino". De feito, a filosofía educativa de Tek-Fest é propor os profesionais internacionais convidados como mentores en proxectos reais que se executarán cos asistentes de xeito colaborativo.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.