Ángel Carracedo: A noite na que o campo da festa aplaudiu a un científico

Ángel Carracedo, pregoando as Festas do Apóstolo © Concello de Santiago

Pasaban uns poucos minutos das once da noite cando o prestixioso científico Ángel Carracedo asomou, timidamente, por unha das enormes xanelas do pazo de Raxoi. Varios milleiros de persoas agardaban abaixo, nunha praza do Obradoiro tornada en campo festeiro, para presenciar o inicio oficial das festas do Apóstolo. "Nunca na vida viñera a un pregón, pero é que este home é tan humilde... Hai que apoialo", comentaba unha muller que, de ganchete co seu home, lle explicaba que Carracedo é unha eminencia mundial. E non esaxeraba. Dende que o alcalde da capital galega, Martiño Noriega, lle propuxo pregoar o Apóstolo 2016 tivo que impartir varias conferencias "polo mundo adiante" e o propio venres, apadriñar unha promoción de biomedicina en Lleida antes de voar de volta a Compostela.

Cando o catedrático de Medicina Legal da  USC e xenetista de prestixio internacional accedeu ao balcón do pazo e o canon de luz se pousou sobre el, a reacción foi verdadeira de máis como para vir ensaiada. Sorriso amplo e brazos ao vento para saudar a dúas mans á multitude congregada arrodeado do rexedor e varios membros da corporación, pero tamén da súa muller, Montse, e máis dos seus fillos, Guille e Mar, "soporte e razón da miña vida", dixo emocionado. E é que o pregón de Ángel Carracedo foi guindado ao aire "dende o corazón", e por iso o comezou cunha lembranza "emocionada" ás vítimas de Niza, pero tamén e sobre todo ás do accidente de Angrois: "Non haberá máis festas do Apóstolo sen pensar nelas", dixo entre aplausos.

Aínda que, "como dicía Mafalda", ás veces "quixeramos que o mundo parase para apeármonos del", como "científico, profesor e médico", pero tamén como compostelán de adopción dende neno -é nado en Santa Comba-, Carracedo asegurou sentirse "moi honrado" por que o Concello de Santiago ubicase a ciencia no posto para o que "normalmente, se escollen artistas, deportistas ou xente dos medios de comunicación". "Ademais de que me encha de ledicia sentirme tan querido, penso que iso significa que a investigación se vai facendo popular e goza dun recoñecemento socail que antes non tiña".

"Queremos facer ciencia aquí, cómpre poñer entre todos os recursos necesarios para que cantos nos formamos en Galicia, poidamos vivir onde nos acaia"

Porque, sen abandonar o sorriso, o pregón de Carracedo foi tamén unha reivindicación da ciencia, en Santiago e en Galicia. "Este xesto do concello é un primeiro paso para que gobernos e empresarios se decaten da importancia de investigar, descubrir e aplicar os descubrimentos". "Semella un aceno amable cara aos nosos investigadores, hoxe con tantas, dificultades, moitos deles a mostraren o que valen polo mundo adiante" e aínda que "a ciencia é universal", os científicos galegos "queremos facer ciencia aquí". E para iso "cómpre poñer entre todos, científicos ou non, os recursos necesarios para que cantos nos formamos en Galicia e, concretamente en Santiago, poidamos vivir onde nos pete e acaia", proclamou, de novo, entre aplausos. O campo da festa aplaudindo ao científico, aplaudindo á ciencia.

Cunha chamada a compartir o "soño" de que ás aulas compostelás e galegas chegue "unha procesión de científicos visitantes tan continua como a dos peregrinos que rematan camiño no Obradoiro", Carracedo animou a composteláns e visitantes a gozar da "festa e da ledicia", a "manter o ánimo positivo" e, sobre todo, a "entregarse aos abrazos". "Non hai nada máis humano que apertarse", recomendou, aínda advertindo dos "amores" que adoitan xurdir en plenas festas. El, chanceou, fala por experiencia. De novo, mans ao vento, sorriso amplo e aplauso prolongado. A praza entregouse ao científico e el baixo ás présas á praza. Non en van, xusto despois tocaban os Deolinda, o seu "grupo favorito". "Que honra serlle o teloneiro!", asegurou.

Carracedo e o alcalde de Santiago, no remate do pregón © Concello de Santiago

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.