O 'método Gutmann', ou por que o PP borrou 35 veces os discos duros de Bárcenas

Interior dun disco duro dun ordenador dos anos 90 CC-BY-SA Eric Gaba

A xuíza que vén de procesar o PP e a súa actual tesoureira, Carmen Navarro, por borrar os discos duros que empregou Luis Bárcenas na súa etapa á fronte da tesouraría do partido, asegura ter claro como sucederon os feitos e por que. A maxistrada Rosa María Freire cre que "non existen razóns fundadas" para "dubidar" de que o ex-tesoureiro "almacenaba nos discos duros dos seus ordenadores" a contabilidade 'B' do partido, e dá por referendado que foron borrados "coa determinación de impedir" que o xuíz Pablo Ruz puidese acceder a eses datos. Tamén certifica que a información "foi destruída a conciencia mediante o sistema de borrado máis drástico, o de sobreescritura de 35 pasadas e raiado ata a súa destrución física". Pero, por que 35 veces?

A operación que describiu o responsable informático do PP, José Manuel Moreno -realizada, segundo a súa declaración, por orde do asesor xurídico do partido, Alberto Durán, persoa de confianza de María Dolores de Cospedal- é o coñecido como Método Gutmann, un algoritmo creado por Peter Gutmann, informático da universidade de Auckland (Nova Zelandia), xunto a Colin Plumb, e divulgado nun artigo científico en xullo de 1996, cuxo texto íntegro e actualizacións posteriores poden ser consultados no seu sitio web profesional.

A xuíza que procesou o PP reesalta que o método é "o sistema de borrado máis drástico"

O método consiste, en síntese, en sobreescribir sobre os datos orixinais que contén o disco ata 35 patróns diferentes de datos aplicados en orde aleatoria. A intención última desas sobreescrituras sucesivas, tamén coñecidas como borrado seguro, é que sexa practicamente imposible coñecer cal era o contido orixinal do disco duro e, polo tanto, recuperar a información borrada. Se os datos son borrados polo método tradicional a mensaxe que recibe o sistema informático é, en termos simples, que o arquivo xa non é útil e que ese espazo pode ser utilizado, pero non desaparece a posibilidade de recuperar a información orixinal.

O método consiste en sobreescribir sobre os datos orixinais ata 35 patróns diferentes de información para facer imposible recuperar o contido orixinal do disco

O sistema deseñado por Gutmann non sería útil para o servizo de informática do PP se os discos duros fosen actuais, xa que empregan outro tipo de sistemas de codificación e borrado seguro. No entanto, a antigüidade dos equipos empregados na sede dos populares fixo recomendable o que Moreno denominou no xulgado como "borrado seguro intenso", proceso que no caso dun dos discos, segundo a declaración do informático, se prolongou durante unha semana.

Destas operacións, así como da posterior destrución física dos discos dedúcese, segundo o auto da xuíza, a "determinación de impedir que datos importantes relativos á contabilidade paralela e outros extremos" da información almacenada por Bárcenas puidese acabar sendo coñecida polos investigadores. Tal e como informa eldiario.es, a xuíza cre que os populares "acordaron" a "aplicación de técnicas drásticas" que "imposibilitaron de facto coñecer a observación directa ou mediante estudo pericial" da información "que se almacenaba no seu interior". O traballo do informático resultou, segundo a xuíza, "imprescindible" para cometer os presuntos delitos.

Luis Bárcenas CC-BY-SA eldiario.es

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.