0 Gardados para despois

"Galicia ten condicións excelentes para converterse nun foco de innovación"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


A finais de setembro Pontevedra acollerá o Tek Fest, un Encontro Internacional de Tecnoloxías Emerxentes dirixido aos e ás profesionais do sector (pero tamén ao público interesado por estas ferramentas e as súas aplicacións) que aspira a consolidarse como unha cita obrigada, un referente e unha ponte entre institucións, empresas e a cidadanía para democratizar os recursos máis avanzados da cultura dixital. O Tek-Fest inclúe workshops (obradoiros), instalacións artísticas e performances.

Os días 27, 28 e 29 celebraranse obradoiros centrados en realidade virtual e novas cartografías. O día 30 será a quenda do simposio Escenarios de futuro: da metrópole á cidade dixital, inaugurado polo filósofo Pedro Medina e mais o deseñador Javier Maseda. O evento contará tamén coas intervencións da deseñadora Isabel Berz, experta en fusionar moda, tecnoloxía e proxectos sociais, ou Jimena Merino, que disertará sobre a "democratización da realidade virtual e da imaxe inmersiva" mediante a súa expansión nas redes sociais. Finalmente, o 1 de outubro terá lugar o Demo Day, no que se amosará ao público xeral o traballo realizado durante todo o encontro. O evento está dirixido polo enxeñeiro audiovisual marinense e experto en artes dixitais Toño Cabanelas, con quen falamos.

"En Pontevedra hai todo un traballo previo de construción dunha imaxe de marca baseada na innovación, na ecoloxía, nun urbanismo non salvaxe"

Que impacto pode ter o encontro na construción da imaxe de marca da cidade de Pontevedra?

En Pontevedra hai todo un traballo previo de construción dunha imaxe de marca baseada na innovación, na ecoloxía, nun urbanismo non salvaxe. Nós achegamos un proxecto que funcionaría moi ben nunha gran cidade, e que nós traemos a unha localidade máis pequena, onde pode mesmo funcionar mellor. Os poñentes que xa estiveron por aquí, en fases previas do proxecto, alucinaron cunha cidade tan cómoda. Ademais é un espazo no que podes amosar á perfección todas as tecnoloxías que forman parte da programación do Tek Fest. Imaxina o caso da visualización de datos da sensorización dunha cidade para mellorar a vida da cidadanía, imposible de facer nunha urbe como Madrid, pero posible en Pontevedra.

Intentaremos cada ano capturar esencias de innovación tecnolóxica que poidan ser moi abertas, para que todo o mundo poida gozar delas, pero que ao mesmo tempo abran unha liña de desenvolvemento que poidan aproveitar os concellos e as empresas da zona. Sobre todo a cidade de Pontevedra, que leva varios anos dun comportamento exemplar, de xeito que poida beneficiarse dunha serie de tecnoloxías que neste momento están a ser utilizadas por urbes como Tokio ou Nova York, como é o caso de CartoDB.

No Tek Fest buscades ser unha ponte entre empresas, institucións e cidadanía, unha interconexión entre as tecnoloxías e e os seus usos cotiáns. As posibilidades son inmensas, non si?

Iso é o que nós denominamos como democratización, unha democratización que incida nos usos prácticos dunha tecnoloxía, de xeito que poidamos facer demostracións no propio evento e, ademais, a través de persoas clave no desenvolvemento desas ferramentas. Haberá formatos diversos, algúns só de toma de contacto e espazos nos que poderemos probar unha tecnoloxía e divertirnos, e outros workshop nos que se poderá afondar máis. Finalmente, o Simposio permitirá coñecer un amplo rango de ferramentas. Galicia é un lugar fenomenal para falar de democratización tecnolóxica, cunhas condicións excelentes para converterse nun foco de innovación. Cada vez somos máis capaces de emprender e innovar dende aquí.

"Galicia é un lugar fenomenal para falar de democratización tecnolóxica, cunhas condicións excelentes para converterse nun foco de innovación"

Tamén incidides na intersección entre tecnoloxía e cultura. Este campo está suficientemente traballado?

Neste país temos un problema con formatos académicos tradicionais e os desenvolvementos profesionais que xorden deles. A creatividade e a tecnoloxía están separados por un muro de formigón, o mesmo que -se imos a disciplinas concretas- a arte e a enxeñaría. Deberían estar moito máis próximas, como sucede en moitas universidades anglosaxonas. As startups, o mesmo que algunhas administracións, dende os concellos á propia Xunta, podemos contribuír a tapar esa fenda, introducindo determinados conceptos, para que uns e outros ámbitos compartan espazos.

"En Galicia somos protagonistas no desenvolvemento da realidade virtual a nivel internacional"

Unha das protagonistas desta edición será a realidade virtual, dende logo un dos temas de moda este ano. Que aproveitamentos pode ter?

Decatámonos de que este ano había liñas de traballo atractivas nas que estabamos moi metidos e queríamos aproveitalo. Estamos moi fascinados coa realidade virtual, en moi pouco tempo introduciuse na sociedade, nos medios de comunicación e na vida cotiá, e ten multitude de usos prácticos. Ademais, en Galicia somos protagonistas no desenvolvemento da realidade virtual a nivel internacional. Por exemplo, é moi relevante o traballo realizado na Illa de San Simón, no marco do Festival Sinsal, ou outro que levamos a cabo gravando o fondo mariño das Illas Atlánticas. Son proxectos feitos aquí que están dando que falar en todo o planeta. No Tek Fest convidaremos a algúns dos sectores económicos máis importantes de Galicia -dende o turismo ao mundo do mar e o sector servizos- a que exploren estas técnicas e ferramentas, que poden ser moi importantes nos vindeiros anos. Estaremos encantados de que veñan ao Tek Fest para escoitar a estes expertos, que lles poden ofrecer solucións específicas para o desenvolvemento da súa industria e para axudarlles a chegar a máis mercados.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.