Agora a túa copiloto en Waze chámase Uxía. E fala galego

Agora as indicacións por voz pódense escoitar en galego, grazas á colaboración da comunidade de usuarios/as © Waze

Waze é unha aplicación colaborativa de información en tempo real de tráfico. Creada en 2008 por tres técnicos de Israel, foi adquirida por Google en 2013 por 1000 millóns de dólares cando xa contaba con 50 millóns de usuarios e usuarias en todo o mundo. A diferenza entre Waze e outras apps de tráfico é o seu carácter social, pois a súa información enriquécese coas achegas das persoas que empregan a app. A aplicación aprende das rutas percorridas polos usuarios e usuarias e estes e estas poden tamén informar de accidentes, atascos de tráfico, controis de velocidade e puntos de interese. Tamén poden mellorar a aplicación e as súas funcionalidades.

Este traballo colaborativo dos usuarios e usuarias está detrás da incorporación da lingua galega ao seu sistema. Agoga Waze non só ofrece a posibilidade de ler en galego a súa interface e as súas indicacións textuais, senón que a voz que da as indicacións de dirección ou de incidencias tamén o fai en galego. E foi unha usuaria quen gravou os comandos, ao igual que sucedeu no resto dos idiomas dispoñibles. Polo tanto, pódese xa escoller a voz galega (chamada Uxía) para que sirva de copiloto cando imos ao volante. 

Waze tamén actualizou e mellorou recentemente, grazas ao traballo da súa comunidade (que chega xa aos 65 millóns de persoas) as súas voces en castelán (Joanna), euskera (Leire) e catalán (Miquel). Ademais, inclúense novas instrucións e "ofrécese unha linguaxe moito más próxima e actual", segundo a compañía. Por exemplo, agora a voz indicadora diríxese aos e ás usuarias atuándoas, en lugar de falarlles de vostede.

Captura de pantalla da aplicación © Waze

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.