0 Gardados para despois

Os Escornabots achegarán este ano as tecnoloxías libres a outros 20 centros de ensino

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Hai dous anos dábamos conta do proxecto Escornabot, iniciativa da asociación coruñesa de fomento das tecnoloxías libres Bricolabs. Escornabot é un robot educativo aberto, de hardware e software libre, que busca iniciar os rapaces e rapazas no campo da robótica e a programación. O equipo impulsor, que poñía o foco "na aprendizaxe, no proceso de saber e coñecer, máis que na propia ferramenta", destacaba daquela que o seu obxectivo era que chegase "ao maior número de centros posible". Á vista do éxito que o Escornabot estaba acadando nalgúns colexios que comezaran a traballar con el, o departamento de Bibliotecas Escolares da Consellaría de Educación creou para este curso 2016-17 un proxecto piloto, levándoo a 20 centros de ensino de toda Galicia, con moi bos resultados. A boa resposta acadada entre alumnado, profesorado e familias fixo que a Xunta decidise lanzar unha nova convocatoria para o vindeiro curso, 20 novos centros que se unirán aos que xa traballan con estes trebellos.

CEIP Serra Vincios (Gondomar), CEIP Canosa Rus (Coristanco), CEIP Saco e Arce (Toén), CEIP O Foxo (A Estrada), CEIP Virxe do Carme (Sober), CEIP Milladoiro (Malpica), CEIP A Lama (A Lama), CPI de Mondariz, EEI Barrionovo (Arteixo), CEIP Plurilingüe Pepe de Xan Baña, CEIP, CEIP de Rubiáns (Vilagarcía de Arousa), CEIP de Carballedo (Cotobade), CPI Plurilingüe dos Dices (Rois), CEP Xosé María Brea Segade (Rianxo), CPI Suárez Marquier (O Rosal), CEIP Virxe do Carme (Sober), CEIP de Rebordáns (Tui) ou CEIP de Cervo. Son algúns dos centros que xa montaron e manexaron estes pequenos robots, cuxos movementos poden ser programados a través dun teclado ou cun móbil ou tablet Android e que en conxunto teñen un custo inferior aos 30 euros. O prazo de presentación de solicitudes para colexios que se queiran incorporar a esta segunda convocatoria remata o 27 de abril e nela terán prioridade os centros situados en zonas rurais. "Queremos primar isto, porque nas cidades é máis accesible para a rapazada ir a unha academia de robótica, que están xurdindo como cogomelos", salienta Tucho Méndez de Bricolabs.

"Con este proxecto queremos darlles entrada no mundo da tecnoloxía e a programación, de forma práctica e sendo eles e elas quen constrúan e manexen todo, para que vexan que non é tan complicado como parece. E queremos, ao tempo, desmitificar un pouco o concepto de robot, que é algo que se está poñendo moi de moda; hai moito hype, pero despois a xente non sabe realmente o que é a robótica e ás veces métese un robot moi caro e moi complexo nas clases para que os rapaces e rapazas o vexan e o manexen, pero con iso ao final o que estás facendo é manexar un coche teledirixido e pouco máis", explica Tucho Méndez sobre este proxecto que achega aos e ás máis pequenas coñecementos da robótica de base, introducindo ademais as filosofías de hardware libre e coñecemento compartido.

Esta é só unha das moitas actividades que Bricolabs ten marcha na actualidade. Con ao redor de 60 socios e socias, é unha das meirandes comunidades maker de Galicia, con sede na Domus coruñesa. Todos os anos organiza a OSHWDem (Open Source Hardware Demonstration), que prepara xa a súa sexta edición. Ademais do Escornabot, conta con outros proxectos educativos de robótica, coma o Sapoconcho, pensado para idades algo superiores (a partir de 12 anos). Organiza tamén cursos de formación do profesorado e obradoiros, e cunha activa e cada vez máis numerosa sección xuvenil (proba do interese que esperta a robótica e as tecnoloxías open source entre a mocidade), anda empeñado nestes momentos na conformación dun equipo galego para participar nas competición de robótica de ámbito estatal

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.