Un estudo europeo pide "máis esforzos" na creación de recursos tecnolóxicos para o galego

O informe analizou as ferramentas dispoñibles para tradución, análise de texto ou procesamento da fala CC-BY-SA eltpics

A Alianza Tecnolóxica Multilingüe de Europa (META) vén de publicar un estudo no que 200 expertos e expertas analizan as aplicacións e ferramentas tecnolóxicas dispoñibles para 31 linguas do continente, entre elas o galego. O informe dedicado á nosa lingua está asinado pola profesoras Carmen García Mateo e Montserrat Arza Rodríguez, da Universidade de Vigo, e contou coa colaboración de Xavier G. Guinovart (Uvigo), Eduardo R. Banga (Uvigo), Xosé Luis Regueira (USC) e José Ramom Pichel (Imaxin Software).

Nas conclusións do informe, as autoras sinalan que "a situación do galego no que respecta ao apoio das tecnoloxías lingüísticas dá lugar a un optimismo cauto" pois "en Galicia existe unha comunidade investigadora en tecnoloxías da lingua, que conta co apoio de programas de investigación dos gobernos español e galego" e, ademais, "producíronse e distribuíronse unha serie de recursos e tecnoloxías de última xeración para o galego".

Porén, tamén sinala que "o alcance destes recursos e a variedade de ferramentas son aínda moi limitados en comparación cos recursos e ferramentas dispoñibles no caso da lingua española (e obviamente para o idioma inglés), e simplemente non son suficientes en calidade e cantidade para desenvolver o tipo de tecnoloxías necesarias que permiten apoiar unha sociedade do coñecemento verdadeiramente plurilingüe".

Os recursos "non son suficientes en calidade e cantidade para desenvolver o tipo de tecnoloxías necesarias que permiten apoiar unha sociedade do coñecemento verdadeiramente plurilingüe"

En comparación con outras linguas europeas, o galego sitúase en lugares intermedios ou intermedios-baixos nos distintos parámetros analizados. Así, en Procesamento da Fala aparece nunha cuarta categoría (de cinco posibles), unha por debaixo do castelán ou do portugués, e igualado con catalán ou vasco pero tamén con linguas estatais como o grego, o polaco, o sueco ou o danés. En Tradución Automática, en cambio, o galego encádrase na derradeira categoría, unha por debaixo do catalán e dúas por debaixo do castelán, ao mesmo nivelo que o vasco ou o portugués. En Análise Textual e en Recursos, o galego aparece na cuarta categoría, un chanzo por debaixo do castelán e ao mesmo nivel que portugués, catalán ou vasco.

En canto á presenza xeral do galego na rede, o informe alerta de que "é bastante limitada", sinalando que "o galego ocupa o posto 160 segundo a clasificación do Ethnologue". Porén, salienta "algunhas iniciativas que intentan aumentar a presenza do galego na web", destacando a Galipedia, "con máis de 75.000 artigos está ao mesmo nivel que algúns idiomas oficiais da UE como o grego ou o letón". E sinala, igualmente, a iniciativa de PuntoGal para a consecución do dominio galego ou de Mancomun para fornecer dunha serie de ferramentas informáticas gratuítas en galego.

As autoras chaman a "facer un esforzo importante por crear recursos para as tecnoloxías da linguaxe para o galego, e de empregalos para impulsar a investigación, a innovación e o desenvolvemento". "A necesidade de grandes cantidades de datos e a extrema complexidade dos sistemas das tecnoloxías da linguaxe fai que sexa crucial desenvolver unha nova infraestrutura e unha organización de investigación máis coherente para estimular un maior intercambio e cooperación", explican.

As autoras chaman a "facer un esforzo importante por crear recursos para as tecnoloxías da linguaxe para o galego, e de empregalos para impulsar a investigación, a innovación e o desenvolvemento"

Subliñan, igualmente, que "existe tamén unha carencia de continuidade no financiamento da investigación e o desenvolvemento", pois os programas coordinados a curto prazo tenden a alternarse con períodos de financiamento escaso ou nulo". Ademais, "existe unha carencia xeral de coordinación cos programas doutros países da UE e coa Comisión Europea". E conclúen que "é necesaria unha iniciativa ampla e coordenada que se centre en superar as diferenzas á hora de dispoñer de tecnoloxía lingüística no conxunto das linguas europeas".

 

Portada do informe Dominio Público Praza Pública
O informe analizou as ferramentas dispoñibles para tradución, análise de texto ou procesamento da fala CC-BY-SA eltpics

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.