‘O Ximnasio dos verbos’, unha app para fortalecer o galego

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Praza Pública

Subes ou sobes? Andei ou Adiven? Equivallo ou Equivalgo? Roio ou Roo? Como se facía neste verbo a segunda persoa do plural? Era co e aberto ou pechado? Algúns verbos galegos conteñen certas dificultades, sobre todo cando estás aprendendo o idioma (e mesmo para os xa aprendidos e aprendidas). Gabriel Pérez Durán e Óscar Rivas González, profesores da Universidade de Heildelberg (Alemaña), veñen de lanzar O Ximnasio dos verbos, unha app para exercitar o dominio dos verbos irregulares galegos e do presente con alternancia vocálica. Unha app, pois, para fortalecer a lingua.

Esta aplicación naceu como un proxecto docente dentro das aulas de lingua e cultura galegas no Romanisches Seminar da Universität Heidelberg. Ao abeiro desta institución, o Galicien Zentrum (adscrito ao Iberoamerika-Zentrum) leva máis de 30 anos desenvolvendo as súas actividades sobre Estudos Galegos nas áreas de Filoloxía Románica e de Tradutoloxía.

"Co noso plano de adestramento, poderás retrucar como un/ha regueifeirx e axiña serás un/ha Jedi dos verbos. Despois, o único que che quedará será axudar a outras persoas para que consigan o teu dominio do galego", destacan. "Consulta todos estes verbos revirados e escóitaos. Como máis vale experiencia que ciencia, ofrecémosche exercicios para que adestres os teus abdominais verbais. Pon a proba todo o que aprendiches e convértete nun/ha auténticx Jedi dos verbos en galego cos nosos xogos", engaden.

A aplicación ofrece trucos útiles para a aprendizaxe e varios xogos para comprobar o aprendido. Todo, indican, para chegar ao que denominan "nivel Sés, o último chanzo no noso ximnasio"

Ximnasio dos verbos, deseñado e programado baixo licenza Creative Commons, funciona sen necesidade de estar conectados, agás as definicións dos verbos e certas ligazóns. A aplicación ofrece trucos útiles para a aprendizaxe e varios xogos para comprobar o aprendido. Todo, indican, para chegar ao que denominan "nivel Sés, o último chanzo no noso ximnasio". "Se conseguiches chegar ata aquí, non hai nada que che impida falar en galego. Así que non teñas vergonza e vai latricar coa xente".

Captura de pantalla da aplicación Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.