A sonda construída polo alumnado de tres institutos chegou aos 33.000 metros

Inflado do globo que elevou a sonda ata os 33 mil metros © NOSA

Chegou o día. Despois de dous aprazamentos por mor das condicións meteorolóxicas adversas (nomeadamente os fortes ventos), por fin este martes puido lanzarse ao espazo o Marumasat II, a sonda construída polos alumnos e alumnas do IES Maruxa Mallo (Ordes), o IES Miraflores (Oleiros) e o IES Marco do Camballón (Vila de Cruces), agrupados na Axencia Espacial Escolar Galega (a NOSA).

Ante un gran numero de alumnos e alumnas, mestres e mestras e medios de comunicación, reunidos no IES Maruxa Mallo (Ordes), o aparello elevouse ata o ceo grazas a un gran globo de helio, que fixo que a sonda acadase os 33 mil metros de altura, caendo tres horas e media despois no lugar de Puxallos (Lalín), preto do lugar previsto. Alí a sonda foi recollida por un equipo integrado por alumnos e alumnas dos tres centros, que comprobaron que conservaba a súa integridade e que os equipos que transportaba se atopaban en boas condicións (pódese ver aquí o vídeo gravado no momento da súa recuperación).

A sonda gravou imaxes durante o seu ascenso, ao igual que xa fixera na experiencia levada a cabo o pasado ano. Ademais, o proxecto desenvolvido polo alumnado dos tres centros buscaba recoller información sobre a capa de ozono a través da ferramenta integrada Datalogger ozono. Ademais, na sonda viaxaron tamén sementes de fabas, miñocas e unha mostra de saliva, cos que os rapaces e rapazas realizarán experimentos científicos nos vindeiros días.

Segunda experiencia con éxito

Xa o pasado ano os alumnos e alumnas de 3º de ESO do ordense IES Maruxa Mallo levaron a cabo -coa colaboración de Meteogalicia- un primeiro lanzamento do MarumaSat. A iniciativa fora impulsada por tres mestres do centro: Raquel Rendo (profesora de Tecnoloxía), Xosé Díaz (de Matemáticas) e Xosé Manuel Fernández (de Lingua Galega). Neste curso Raquel Rendo dá clases en Oleiros e Xosé Díaz en Vila de Cruces. Isto, lonxe de impedir a continuidade do proxecto, fixo que se ampliase, implicando tamén a estes dous centros e permitindo o traballo conxunto entre o alumnado dos tres institutos, que conformaron a Axencia Espacial Escolar.

Hai unhas semanas falabamos con Sara Castro, alumna do IES de Ordes, unha das responsables do grupo de Comunicación do proxecto. Castro destacaba o valor formativo desta actividade, non só pola aprendizaxe concreta na construción da sonda e do proceso que levará ao seu ascenso á estratosfera (na que as ciencias e as matemáticas son fundamentais), senón pola experiencia de traballo práctico e de traballo en equipo: "Estudar nun instituto non é só memorizar textos ou facer exames. Con este tipo de proxectos prácticos aprendemos moitas máis cousas. Son iniciativas que espertan a nosa creatividade e axudan a saber traballar en equipo. Axudan a xente, ademais, a descubrir o que lles gusta e a decidir que camiño queren seguir".

Imaxe da sonda lanzada á estratosfera © NOSA
Inflado do globo que elevou a sonda ata os 33 mil metros © NOSA
Recuperación da sonda en Puxallos (Lalín) © NOSA

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.