Galicia chega ao verán cos seus encoros un 15% máis baixos do habitual

Encoro de Castrelo de Miño CC-BY José Antonio Gil Martínez

Os encoros galegos chegarán ao verán notablemente por debaixo do nivel que presentaban o pasado ano nesta altura e ao redor dun 16% por debaixo das súas cifras medias na última década. Os encoros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil están a un 66,52% da súa capacidade, fronte ao 89,6% o pasado ano e ao 79,8% da media das últimas dúas décadas. Os da demarcación Galicia-Costa sitúanse no 75,45%, dez puntos por debaixo da media habitual e máis lonxe aínda no nivel de xuño de 2016 (93,05%). Os 2.534 Hm3 acumulados entre os encoros das dúas confederacións hidrográficas (que inclúen algunha instalación na provincia de León) son un 24% inferiores aos 3.353 rexistrados hai un ano e están un 15,4% por debaixo da media histórica.

Analizando encoro por encoro, a situación é peor no interior, con Belesar (Chantada) no 64,19% cando o pasado ano estaba no 89,66% e a media é 79,69%. Ou Portas (Vilariño de Conso) no 57,94% fronte ao 97% do 2016 e uns valores habituais do 80%. Belesar e Portas son os dous meirandes encoros de Galicia. Na demarcación de Galicia-Costa, os niveis son en xeral máis elevados, con Eume (A Capela-Monfero) no 93%, mesmo por riba das súas cifras habituais (87,64%). Porén, Portodemouros (Arzúa-Vila de Cruces) atópase no 66,45%, fronte ao 93,6% do pasado ano e á media do 78,4% na última década. No gráfico obsérvase como o nivel total dos encoros galegos atópase no punto máis baixo da última década, agás o ano 2011, que rexistraba niveis semellantes.

Os números non fan espertar aínda as alarmas, pero responden a un inverno e a unha primavera nos que as precipitacións en Galicia se situaron moi por debaixo do habitual: a porcentaxe de precipitación neste inverno foi un 44% inferior con respecto ao período de referencia 1971-2000 e un 36% inferior con respecto ao período de referencia 1981-2010; e, de novo, abril foi un 83% máis seco do normal.

Ademais, a predición estacional elaborada pola Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet) para xuño, xullo e agosto sinala unha probabilidade alta de que as temperaturas medias neste verán se sitúen por riba do habitual en Galicia, coas cautelas debidas á hora de realizar este modelos de longa extensión no tempo). As precipitacións, pola súa banda, situaríanse en valores normais: entre 85 e 193 ml/mna costa e entre 52 e 82 ml/m2 no interior, sumados os tres meses. 

 

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Encoro de Frieira © embalses.net

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.