'Inventa en galego': aplicacións móbiles e lingua van da man na escola

Valentín García e Xulio Ferreiro, con estudantes e profesorado dos centros galardoados © Xunta

Igaciencia traballa dende hai unha década "a prol da ciencia galega e do galego na ciencia". Divulgación, promoción da I+D+i e unha actividade moi intensa ligada ao ensino concrétase en iniciativas como o Concurso Galego de Robótica, o Congreso de Software Libre para a Educación, o Rally Científico e Matemático ou as iniciativas Inventa en Galego e Sensores para Todos, dúas iniciativas dirixidas ao estudantado que este luns, ás portas da fin do curso, entregaron os seus galardóns na Coruña e volveron amosar que lingua galega, aplicacións móbiles e escola poden ir da man con moi bos resultados.

O primeiro premio da terceira edición do certame de deseño de aplicacións para Android foi para a aplicación BiciCoruña, un traballo do alumnado de 2º de Bacharelato do IES Ramón Menéndez Pidal, que foi escenario da entrega de premios. Baixo a coordinación da profesora Paz Freire o equipo vencedor botou man dun paquete de datos abertos do Concello coruñés para deseñar unha app que amosa sobre o mapa as bicicletas da rede pública que están dispoñibles en cada unha das paradas. A aplicación permite ademais gardar as paradas favoritas e almacenar os datos na memoria interna ou na tarxeta SD do teléfono.

O segundo premio foi para un paquete de sete aplicacións deseñadas por estudantes de primeiro de Bacharelato do IES Blanco Amor de Culleredo coa dirección do profesor Ángel Acción. Entre as apps distinguidas está Auxilia2, con información para actuar en situacións de emerxencia, e outras ligadas a diferentes ámbitos do municipio de Culleredo; é o caso de Goce Culleredo, creada para "axudar a organizar o tempo" de lecer, amosando os recursos da vila e o xeito de contactar con eles, tamén directamente a través do teléfono.

'Sensores para todos' distinguiu proxectos para medir a intensidade da luz, manipular obxectos 3D ou estudar a domótica nas vivendas

Xunto aos premios Inventa en Galego, que Igaciencia organiza xunto á Secretaría Xeral de Política Lingüística, a entidade anunciou tamén os traballos gañadores en Sensores para todos, coorganizada co Concello da Coruña. O primeiro dos proxectos distinguidos por Con Sciencie Journal, unha aplicación para "medir as distintas intensidades de luz" aproveitando os sensores do móbil, "obter gráficos e gardar os experimentos en Drive".  Outro dos premios foi para o IES de Brión con Interpretación victual interactiva, un proxecto que "permite a representación e manipulación dun obxecto 3D en tempo real mediante a información recibida por un sensor. Domótica e vivenda bioclimática, do IES de Ortigueira, Sensor de temperatura TMP36 de arduino1, do IES Concepción Arenal de Ferrol, e Máquina medidora da radiación ultravioleta, do IES Castro Alobre de Vilagarcía, foron os outros traballos premiados.

A xuízo do secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, certames como Inventa en Galego amosan a "utilidade do galego para desenvolver proxectos tecnolóxicos", así como "a posibilidade de empregar a nosa lingua na resolución de problemas cotiáns a través da tecnoloxía". Neste sentido o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro, subliña a "importancia de normalizar o uso do galego" en ámbitos como o científico "entre a rapazada dos institutos de Galicia". No caso do proxecto gañador, BiciCoruña, Ferreiro coida que "mestura esa aposta pola innovación, pola ciencia e a tecnoloxía" e ademais, "pola mobilidade sostible, unha receita estupenda que inclúe o uso da lingua galega".

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

O secretario de Política Lingüística entrega un dos premios © Xunta
O alcalde da Coruña, cun dos equipos galardoados © Concello da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.