0 Gardados para despois

O alumnado da ESO poderá estudar 'Identidade dixital' ou 'Consumo responsable'

Redacción | @prazapublica

No curso 2015-16 comezaron a impartirse nos centros de ensino de secundaria unha serie de materias de libre configuración autonómica, ao abeiro da implantación da LOMCE. Daquela comezaron Programación, Oratoria, Educación financeira, Paisaxe e sustentabilidade en Galicia, Xadrez, Investigación e tratamento da información e Promoción de estilos de vida saudables (ESO) e Robótica, Antropoloxía e Literaturas hispánicas (Bacharelato). A elas uníronse no curso seguinte Igualdade de xénero e Obradoiro musical (ESO) e Literatura galega do século XX e da actualidade, Ética e filosofía do dereito, Filosofía da ciencia e da tecnoloxía, Métodos estatísticos e numéricos, Electrotecnia, Xeografía e historia de Galicia e Patrimonio artístico e cultural de Galicia (Bacharelato).

Programación, Oratoria, Educación financeira, Paisaxe e sustentabilidade en Galicia, Investigación e tratamento da información ou Igualdade de xénero son algunhas das materias que os centros xa podían ofertar

A Consellaría de Educación vén de anunciar a incorporación de catro novas opcións para o curso 2017-18: Identidade dixital, Consumo responsable, Valores democráticos europeos e Mobilidade escolar sostible e segura. Todas elas, poden ser escollidas polos distintos centros de ensino, que as poderán ofrecer en primeiro e/ou segundo curso de ESO, cunha carga horaria dun período lectivo semanal.

Aínda que a oferta vai ampliándose ano a ano (no curso que vén rematar 31 mil alumnos e alumnas cursaron algunha destas materias, case o triplo que no curso anterior), isto non quere dicir que todas as materias estean dispoñibles para a súa escolla por parte de todo o estudantado. A materia que estivo presente na programación de máis centros foi Promoción de estilos de vida saudables (188 centros), seguida de Oratoria (179) e Investigación e tratamento da información (158). Pola contra, outras materias chegaron á oferta de moitos menos institutos, coma Igualdade de Xénero, que impartiron 27 centros. O contido de boa parte destas aulas estaba presente na programación de materias suprimidas como Educación para a Cidadanía.

 

As catro novas materias

Identidade dixital "aborda o seu coñecemento desde o fomento dunha cultura de participación activa e positiva"

Entre as catro novas materias, destaca a de Identidade Dixital, que -destaca o seu proxecto- "aborda o seu coñecemento desde o fomento dunha cultura de participación activa e positiva" e que "procura afastarse dunha visión centrada nos riscos pero non renuncia ao seu tratamento, que se procurará observando o conflito como unha oportunidade". Nesta materia trátase o concepto de intimidade e a súa "exposición pública"; estúdanse as novas formas de compartir coñecemento na rede, os distintos tipos de licenzas e propiedade intelectual e a cultura libre; explícase a fenda dixital; tamén a creación da identidade dixital, o dereito ao esquecemento e as ameazas á reputación na rede. E mesmo afóndase na cultura da participación ou o crowdfunding

A materia de Consumo responsable "busca formar consumidoras e consumidores responsables, informados, conscientes, críticos e solidarios"

Outra materia novidosa é a de Consumo responsable, que "busca formar consumidoras e consumidores responsables, informados, conscientes, críticos e solidarios, como unha forma de previr o consumismo excesivo e os seus efectos negativos para a sociedade e o medio ambiente". Conta con bloques centrados na publicidade, na identificación do etiquetado ou no exercicio dos dereitos das persoas consumidoras. Ademais, analízase "a relación entre o consumo e a sostibilidade, coa identificación dos distintos tipos de comercio (globalizado, xusto e de proximidade) facendo fincapé no comercio xusto e no comercio de proximidade como mellores opcións cara un consumo responsable".

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.