0 Gardados para despois

Polo 25 de xullo, dominios .gal a 25 euros

Redacción | @prazapublica

Ao igual que vén facendo nos últimos anos, a Asociación PuntoGal celebra o Día Nacional de Galicia lanzando unha promoción grazas á que, durante uns días, se pode adquirir os dominios a un prezo reducido. En concreto, dende este venres 14 e ata o 31 de xullo, facerse cun dominio galego terá un custe máximo de 25 euros (máis IVE) nos rexistradores acollidos a esta promoción.

Os rexistradores acollidos á promoción son os seguintes: Arsys, CdMon, Dinahosting, Entorno Digital, Nominalia, Host Europe e OVH, sendo a oferta de Dinahosting (24,45 euros máis IVE) a máis barata. A información completa sobre esta acción pode atoparse no enderezo dominio.gal/promotion/promo25xullo.

A campaña acompáñase, nesta ocasión, dunha imaxe gráfica realizada por Rei Zentolo, socios de PuntoGal, con motivo do primeiro aniversario do dominio, en 2015. O deseño, que se publicará tanto na web como nas redes sociais, é unha homenaxe á revista Nós composta con imaxes de inspiración tecnolóxica.

Na actualidade hai 4.145 dominios .gal, unha cifra algo inferior á esperada, como indicaba recentemente nunha entrevista Edita de Lorenzo, directora xeral da Asociación Puntogal, pero que supón un punto de partida: "Nos últimos tempos confórtanos moito o feito de que empezan a verse máis, porque unha cousa é que haxa un número determinado de rexistros e outra cousa é que se empreguen", salientaba.

 

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.