Galicia, un dos lugares de Europa onde mellor se verá a eclipse solar

Vigo será a cidade de toda a península onde mellor se verá o eclipse, cun escurecemento do 14% CC-BY-SA azuje

Chámanlle "a eclipse do século". E así o será nos Estados Unidos, onde a eclipse será total e atravesará o país de punta a punta. Porén, no resto do planeta o fenómeno será moito máis modesto. En Europa, de feito, a eclipse non será visible na maior parte do continente, mais si en Galicia. Vigo será a cidade española peninsular na que o escurecemento será maior (14%), moi superior á de Sevilla (11%), Madrid (7%) ou Zaragoza (2%). En Barcelona ou Valencia, por exemplo, non se verá. Portugal si gozará del dunha maneira máis destacada. Con todo, tendo en conta a ausencia de nubosidade e a hora na que a eclipse se verá en Galicia -minutos antes do solpor- o fenómeno pode acadar unha gran beleza e espectacularidade. É por iso que entidades científicas organizan eventos de observación en distintos puntos do país.

Vigo será a cidade española peninsular na que o escurecemento será maior (14%)

Será seguramente unha eclipse moi mediática, pola súa importancia nos Estados Unidos. A NASA puxo en marcha unha web especial para seguir o evento e son moitos os afeccionados e afeccionadas que se desprazaron a puntos moi específicos do país norteamericano para vivir a experiencia. En Internet pódense atopar, así mesmo, un bo feixe de teorías sobre a fin do mundo que supostamente provocará a eclipse deste luns, ben polo choque do planeta Nibiru contra a Terra en setembro ben por outros motivos.

Máis aló destas teorías apocalípticas, a eclipse parcial de baixa magnitude que se poderá ver este luns en Galicia no luscofusco será digno de ver, tendo en conta que dende o 11 de agosto de 1999 non hai unha eclipse total en Europa e que non volverá haber outra ata o 12 de agosto de 2026. 

Na Coruña a Agrupación Astronómica Ío organiza unha actividade de observación nun emprazamento moi especial: a Torre de Hércules, onde se poderá ver o sol, parcialmente escurecido, poñéndose no mar. O evento forma parte do programa A Nosa Estrela que a entidade vén organizando nos distintos barrios da cidade durante as Festas de María Pita. Na Coruña o sol escurecerase un 13%, comezando ás 20:43, chegando ao máximo ás 21.18 e rematando (co ocaso) ás 21.27. Na web timeanddate.com pódese facer unha procura sobre os horarios e alcanza da eclipse en cada localidade.

A actividade organizada pola Agrupación Astronómica Ío será segura, xa que a entidade compartirá diferentes medios, entre eles un telescopio solar con filtro H-alfa, expresamente deseñado para a observación detallada da nosa estrela sen risco para os nosos ollos. A entidade lembra que "é moi perigoso observar o Sol sen a protección axeitada durante a eclipse", mesmo a través de radiografías e outros elementos (como gafas de soldador de menos de 15 DIN) e que "o risco aumenta se se empregan ferramentas ópticas como prismáticos ou telescopios, que poden danar o ollo de maneira irreversible en cuestión de segundos".

Preto de Vigo, os montes Alba, O Cepudo e A Madroa, Santa María de Oia ou os cabos Estai e Home son os mellores puntos para seguir o fenómeno

En Ferrol é a Sociedade Galega de Historia Natural quen organiza unha actividade de observación. Será na praia de Esmelle a partir das 20.30 horas. A entidade porá un telescopio solar a disposición das persoas que se acheguen.

No sur, a Asociación Astronómica Rías Baixas recomenda os montes Alba, O Cepudo e A Madroa, Santa María de Oia ou os cabos Estai e Home como os mellores puntos para seguir o fenómeno.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

A Agrupación Astronómica Ío organiza unha observación do eclpse na Torre de Hércules © Ío
Vigo será a cidade de toda a península onde mellor se verá o eclipse, cun escurecemento do 14% CC-BY-SA azuje

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.