Á procura dunha axenda para a escola infantil? Velaquí tes unha libre e en galego

Mostra da axenda xa impresa CC-BY-SA NoComun

Non son poucas as preguntas que xorden á hora de dar os primeiros pasos no mundo paternal ou maternal. Algunhas delas chegan cando a criatura comeza a ir á escola infantil e precisa dunha axenda, esa que torna en ferramenta ben útil para anotar e facer seguimento de aspectos tan diversos como as comidas, as horas de sono, as pequenas doenzas ou os materiais que cómpre achegar para unha determinada actividade. Se a familia desexa que ese libriño estea redactado en galego a procura non sempre é doada, pero de agora en diante vaino ser un pouco máis.

Durante este mes de agosto dúas nais e un pai compartiron vía Twitter esta carencia e decidiron cubrila. A idea de Sonia Díaz "floreceu" nesta rede social e foi, explican, "alimentada con creatividade e cariño por Antía Paz e Gerardo Uz". O traballo dos tres permitiu editar en pouco tempo unha axenda de escola infantil en galego que xa está dispoñible para a súa libre descarga e impresión. O traballo de imprenta, explican, custa uns 5 euros nunha copistería.

Alén da parte máis práctica da axenda tamén achegan algunhas posibilidades máis creativas cunhas cantas ilustracións para a súa capa. "Se sodes xente moi creativa e xenerosa e queredes compartir a vosa proposta de capa, mandádenola e engadímola ao proxecto", animan. Polo momento, as autoras e autor da axenda propoñen unha e a escritora e ilustradora Sabela González achegou tres capas máis. A axenda está suxeita a unha licenza Creative Commons (CC-BY-SA) e os deseños de Sabela González pódense usar baixo licenza CC BY-NC-SA.

Ciencia e tecnoloxía en Praza.gal ofrecida por

Unha das propostas de capa para a axenda CC-BY-SA Gerardo Uz

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.