Alumnado da Universidade de Vigo converterá en videoxogo unha novela de Saramago

Integrantes do equipo multidisciplinar que desenvolve o videoxogo © Universidade de Vigo

En A Viaxe do Elefante, José Saramago relata o traslado dun elefante dende Portugal ata Valladolid en pleno século XVI, agasallo do rei João III de Portugal ao seu curmán, o arquiduque Maximiliano de Austria. En novembro a novela contará cun videoxogo, elaborado por alumnado das facultades de Ciencias Sociais e da Comunicación e de Telecomunicacións da Universidade de Vigo, a través do impulso do grupo de innovación docente ComTecArt, que inicia con este proxecto a súa andaina.

"É obrigado traballar de forma conxunta e multidisciplinar porque é como se traballa en todo o mundo na industria do videoxogo e na realización de aplicacións interactivas", salienta a profesora Beatriz Legerén (Facultade de Ciencias Sociais), unha das coordinadoras da iniciativa. O alumnado de Comunicación Audiovisual vaise encargar de crear o deseño conceptual e de establecer todos os mecanismos de xogo, as regras, o aspecto artístico, o manual, os labores de comunicación, incluíndo a creación dun caderno de bitácora, canles de redes sociais... Pola súa banda, os da EE de Telecomunicación encárganse de facer e crear o interface do xogo e o xogo en si, é dicir, levar á realidade o que se está deseñando (alumnado da materia de Tecnoloxía Multimedia) e de programar os personaxes non xogadores do xogo (estudantes da materia Programación de Sistemas).

"En realidade os elementos clave dunha novela son os mesmos dun videoxogo: hai unha historia, uns personaxes aos que lles pasa algo, que teñen un obxectivo e deben resolver un conflito. A diferenza entre a novela e o xogo é que a novela é lineal e o xogo é interactivo. Debes darlle ao usuario a capacidade de decidir que é o que queren facer", explica Legerén. O proxecto avanza a bo ritmo. "Algún dos xogos que se están deseñando inscríbense no que se denomina 'aventuras gráficas', nas que un xogador debe resolver unha serie de probas para acadar o seu obxectivo ou desfacerse de inimigos... Outro xogo ten que ver máis co concepto de supervivencia", sinala a profesora. 

O obxectivo é poder presentar o primeiro nivel do videoxogo nas xornadas que a Cátedra Internacional José Saramago da Universidade de Vigo celebrará o vindeiro mes de novembro na cidade de Pontevedra. O director da cátedra, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución Burghard Baltrusch salienta que dende o principio acolleron esta actividade “con moita ilusión”. “Tiven unha reunión xa cos participantes e tentei mostrarlles que na novela A Viaxe do Elefante, á parte dun conto con base histórica, hai todo un debate sobre a relación complexa entre realidade, ficción e historiografía, algo que tamén pode estar presente nun videoxogo”, sinala

 

O grupo ComTecArt

O grupo ComTecArt (Comunicación, Tecnoloxía e Arte) constituíuse o pasado mes de xuño e agora mesmo está formado por tres profesores da Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación, tres da Estcola de Telecomunicación e catro da Facultade de Belas Artes. Esta última facultade non participa directamente neste proxecto pero si o fará en futuras actividades. A esta primeira iniciativa de creación do videoxogo, seguiranlle outras, coma a realización de traballos de fin de grao multidisciplinares este mesmo curso.

O xermolo desta agrupación vén dunha charla de café dos profesores de dúas materias que tratan o tema dos videoxogos, Beatriz Legerén e Antonio Pena (Escola de Enxeñaría de Telecomunicación), unha desde o punto de vista narrativo e interactivo, Videoxogos, optativa do 4º curso do Grao en Comunicación Audiovisual, e outra desde un punto de vista tecnolóxico, Tecnoloxía Multimedia e Computer Graphics, optativa do 4º curso no Grao en Enxeñaría de Tecnoloxías de Telecomunicación. A continuación sumouse unha segunda materia de Telecomunicación, Programación de Sistemas Intelixentes, optativa do 4º curso, así como o alumnado de Comunicación Alternativa, materia impartida por Mónica Valderrama (Facultade de Ciencias Sociais).

 

Charla de Burghard Baltrusch, director da Cátedra Internacional José Saramago © Universidade de Vigo
Integrantes do equipo multidisciplinar que desenvolve o videoxogo © Universidade de Vigo
Unha das sesións de traballo nas que participaron alumnos e alumnas das facultades participantes © Universidade de Vigo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.