Enxeñeiras e científicas en todas as escolas

Imaxe dunha das charlas ofrecidas o pasado curso, a cargo de Josefina Ling © USC

Hai uns días púxose en marcha a segunda edición da iniciativa Unha enxeñeira ou científica en cada cole, organizada polo Concello de Santiago e a USC. Ao igual que xa fixeran o pasado ano, destacadas investigadoras e profesionais galegas dos campos da Ciencia, a Tecnoloxía, a Enxeñaría e as Matemáticas, un total de 17, ofrecen charlas e realizan obradoiros co alumnado de 5º de primaria dos centros de ensino públicos da capital galega. O obxectivo é espertar vocacións científicas e técnicas, sobre todo entre as rapazas, rachando coa crenza establecida durante décadas de que as mulleres están menos capacitadas que os homes para estes ámbitos e que dá como resultado unha importante fenda de xénero nos estudos de Informática, Física ou moitas enxeñarías.

As actividades desenvolveranse ata finais desta semana no CEIP López Ferreiro, o CEIP Mestre Rodríguez Xixirei, o CEIP Pío XII, o CEIP Raíña Fabiola, o CEIP de Roxos e o CEIP de Vite. O pasado ano, froito da mesma colaboración entre a USC e o Concello de Santiago, foran 19 as charlas e obradoiros impartidos por máis dunha vintena de investigadoras galegas.

Os obradoiros deste ano son os seguintes:

  • Intelixencia artificial: O significado da intelixencia. Impartido pola profesora María Jesús Taboada Iglesias da Área de Ciencias de la Computación e Intelixencia Artificial da USC.
  • Luz, cor e sombra. Impartido pola profesora Elena López Lago da Área de Óptica da USC.
  • Falando cos superordenadores. Impartido por Mª José Rodríguez Malmierca e Natalia Costas, investigadoras do CESGA
  • Informática visual aplicada á bioloxía. Impartido pola profesora Eva Cernadas do Departamento de Electrónica y Computación da USC e investigadora do CiTIUS.
  • A túa pegada no planeta. Impartido pola profesora Almudena Hospido do Departamento de Enxeñaría Química da USC.
  • Xogando coa Luz. Impartido por María Aymerich, Mª Carmen Bao Varela, Mª Teresa Flores Arias, investigadora e profesoras da Área de Óptica da USC.
  • A programación é cousa de nen@s. Impartido pola profesora Paula López Martínez do Departamento de Electrónica e Computación da USC e investigadora do CiTIUS.
  • A maxia da química. Impartido por Mª Dolores Pérez profesora do Departamento de Química Orgánica da USC e directora adxunta do CiQUS e Laura Acevedo, técnica superior do CiQUS.
  • Só facemos química cando imos ao laboratorio?. Impartido polas profesoras Mª Raquel Domínguez do Departamento de Química Analítica e Ana Mª García Deibe do Departamento de Química Inorgánica da USC.
  • Buscando estrelas. Impartido por Josefina Ling profesora de Astronomía da USC e investigadora do Observatorio Astronómico Ramón María Aller.
  • Física Divertida. Impartido polas profesoras Mª José Pérez Comuñas e Encina Calvo Iglesias da Área de Física Aplicada da USC

 

Imaxe dunha das charlas ofrecidas o pasado curso, a cargo de Josefina Ling © USC
Cartel da actividade © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.