0 Gardados para despois

Appybee: a ferramenta do apicultor 2.0 para reducir a mortalidade das abellas

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


350 expertos e 200 empresas participarán este xoves e venres en Santiago en LibreCon 2017, encontro internacional de tecnoloxías libres de primeiro nivel. Un dos eixos centrais do LibreCon deste ano é como a tecnoloxía pode mellorar e engadir valor ao sector primario. Como destacou este mércores o presidente da Asociación de Empresas Galegas de Software Libre (Agasol), Carlos Rodríguez, o futuro do sector primario en Galicia e España “pasa pola modernización e o software libre é clave á hora de ofrecer unha solución económica, técnica e xeradora de emprego”. Un bo exemplo é a aplicación galega Appybee, que se presentará este xoves pola tarde na Cidade da Cultura.

Appybee é un sistema de monitorización e recomendacións de tratamento para as principais pragas que sofren as colmeas. Construído con hardware e software libre, inclúe sensores de humidade, temperatura, PH e son, ademais de cámaras con conexión a unha aplicación multidispositivo cun sistema simple de alertas. Appybee predí e palia infeccións por Loque Americana, Loque Europea e Varroa, detectando as substancias que produce o bacilo Paenibacillus larvae, coma o nitróxeno que produce a nitrogenasa e a nigrotosina e alerta vía SMS ao apicultor, na web de control ou no seu smartphone. 

O sistema, destacan os seus responsables, conseguiu aumentar un 17% a produción de mel nas colmeas nas que se instalou e reducir a mortalidade dos enxames

Appybee identifica baixadas de temperatura, así como o aumento da humidade relativa, podendo mellorar a contorna de cada colmea e poder quentar a colmea. Ademais ofrécelle información sensible ao apicultor, con gráficas de datos de maneira case continua para que poida buscar patróns anómalos no ecosistema da colmea. O aparello serve tamén para detectar e combater a vespa velutina que tanto mal está a causar aos apicultores galegos. O sistema, destacan os seus responsables, conseguiu aumentar un 17% a produción de mel nas colmeas nas que se instalou e reducir a mortalidade dos enxames.

O seu creador, o ourensán Nuno Troitiño, combinou dende moi novo as súas dúas afeccións: a tecnoloxía e a apicultura, unha actividade que xa desenvolvía o seu pai, considerándose a si mesmo "un apicultor 2.0". Ávido reparador de electrónica dixital e desenvolvedor de software, hai anos comezou a traballar en solucións tecnolóxicas que axudasen a solucionar algúns dos moitos problemas que sofren as colmeas e que ameazan coa propia supervivencia das imprescindibles abellas. Instalou o seu propio apiario (O Agro queimado, en Vilar de As Tres, Ourense) onde foi realizando probas dos dispositivos que buscan detectar e combater as pragas.

"O sistema chequea cada dez minutos o estado interior e exterior das colmeas, xerando uns datos que son enviados de forma inmediata ao apicultor, o que lle permitirán tomar decisións rápidas"

Troitiño advirte que se hai anos os índices de mortalidade das abellas eran do 5% ou 10%, hoxe estamos no 30% ou no 40%, un problema que se agravou sobre todo a partir de 2011. "Xurdiu a necesidade de unir o know-how tecnolóxico e as posibilidades que ofrece a informática e estruturas coma a rede de supercomputación estatal (RES) para achar solucións que conseguisen reducir esa mortalidade", comenta. "O sistema chequea cada dez minutos o estado interior e exterior das colmeas, xerando uns datos que son enviados de forma inmediata ao apicultor. Indicadores importantes pero básicos, fáciles de entender e acompañados de alarmas, que lle permitirán tomar decisións rápidas, predicindo o comportamento das colmeas e evitando enfermidades e outros prexuízos", explica. "Appybee permite producir máis mel con mellor calidade e facilita unha mellor saúde nas colmeas", resume.

Appybee busca construír un mapa colaborativo da expansión da Vespa Velutina, grazas á participación dos propios apicultores, aos que se lles pide que envíen a través do móbil as coordenadas dos niños que localicen

Foi facendo probas nas súas colmeas control e dende hai meses ofrece tamén a posibilidade de que calquera apicultor instale o sistema nas súas colmeas a xeito de testeo da aplicación e a un prezo reducido. "Os nosos apicultores poden acollerse aos plans provinciais de subvencións na mellora tecnolóxica da explotación", destaca.

Appybee busca, así mesmo, construír un mapa colaborativo da expansión da Vespa Velutina, grazas á participación dos propios apicultores, aos que se lles pide que envíen a través do móbil as coordenadas GPS dos niños que localicen. "A partir dunha base de datos actualizada, saberemos como avanza ou se detén diariamente a praga da avespa, o que axudará ao algoritmo appybee na detección de pragas", explica.

Troitiño destaca a importancia de que se introduzan as novas tecnoloxías no sector primario galego, onde comezan a aplicarse distintas experiencias e aplicacións, pero aínda de forma demasiado tímida

Troitiño destaca a importancia de que se introduzan as novas tecnoloxías no sector primario galego, onde comezan a aplicarse distintas experiencias e aplicacións, pero aínda de forma demasiado tímida. "É un sector no que pesa moito a tradición e aínda se está comezando. Hai cousas moi interesantes no campo da pesca, tamén nos regadíos, ou chips que miden o crecemento das plantas. Hai xente tamén que dende o mundo maker está facendo cousas moi interesante", sinala. "Estamos nun momento apaixonante para a tecnoloxía. Neste país todo chega un pouco máis tarde, pero cando se popularice vai ser un pracer ver como se vai implantando, conseguindo melloras en todos os sectores", di.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.