Nace a web colaborativa de eventos AXaneira.gal

Portada de AXaneira.gal Dominio Público Praza Pública

A Asociación Cultural Chuza! vén de anunciar o lanzamento da web colaborativa de eventos AXaneira.gal, que ata agora estaba en fase beta. O portal está orientado tanto ás persoas e aos eventos realizados en Galicia como ás comunidades galegas na diáspora. Os e as usuarias poden engadir os seus propios eventos, incluíndo datos como data, hora e a localización exacta. Ademais, poden tamén subscribirse a determinadas canles, de maneira que reciban notificacións no correo electrónico dos eventos nos que teñan interese. A idea, ademais, é que cada Centro Galego ou cidade teña a súa categoría propia, de cara a facilitar que os usuarios encontren rapidamente o que lles interesa.

O portal está orientado tanto ás persoas e aos eventos realizados en Galicia como ás comunidades galegas na diáspora

A web emprega o proxecto Discourse, un software de código aberto para crear foros e está sostida grazas ao aloxamento de Dinahosting e ás achegas da Asociación Cultural Chuza!. A lingua oficial é o galego, en calquera das súas variantes, aínda que se admiten "outras que os usuarios entendan". "Os contidos proporcionados polos usuarios que non estean en galego poderán ser traducidos ou corrixidos polos administradores/ moderadores", sinálase na web, na que tamén se advirte que "esta é unha web de eventos culturais e deportivos, non outro foro para discutir de lingua ou política. Quen queira facer iso, pode usar Chuza!, Forocoches ou o que lle dea a gana". AXaneira conta tamén con contas en twitter e facebook, pero só para anunciar os eventos creados na páxina.

A Asociación Cultural Chuza! anuncia a seu cese de actividade "debido principalmente aos problemas legais derivados dos últimos trocos nas lexislación española"

Coincidindo co lanzamento de AXaneira, a Asociación Cultural Chuza! anuncia a seu cese de actividade "debido principalmente aos problemas legais derivados dos últimos trocos nas lexislación española". Con todo, explica que "en calquera caso, os servizos de Chuza.gal, OQue.gal e AXaneira.gal quedan garantidos e a súa xestión realizarase fóra de territorio do estado español".

 

Portada de AXaneira.gal Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.