0 Gardados para despois

O CEMMA rescata o seu golfiño número 3.000 en Galicia e alerta da súa mortalidade por pesca accidental

Redacción | @prazapublica

O pasado sábado 9 de xuño foi localizado varado en Corrubedo (Ribeira) un golfiño común (Delphinus delphis) vivo que finalmente non sobreviviu. Trátase do golfiño número 3.000 rescatado en Galicia pola Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) dende que iniciou a súa actividade en 1990. É, ademais, o número 96 no que levamos de ano.

É, ademais, o número 96 no que levamos de ano

CEMMA calcula que a poboación de golfiño común en Galicia se move entre os 7.400 e os 9.500 exemplares. Así mesmo, un recente estudo do IEO sítúa a poboación en toda a costa cantábrica entre os 4.700 e os 22.500 exemplares. "O golfiño común é a especie de cetáceo máis abundante nas augas cálidas e temperás do Atlántico, e iso reflíctese tamén nos varamentos en Galicia, representando o 54% do total de cetáceos", sinala.

A Coordinadora alerta da súa elevada mortalidade, explicando que "o número de cetáceos que chegan á costa é só do 25%  os que morren no mar", o que supón que eses 3.000 rexistrados que foron atopados varados "son o testemuño da morte de 12.000 golfiños reais".

A entidade destaca que "a principal ameaza da especie segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca"

A entidade destaca que "a principal ameaza da especie segue sendo a morte por captura accidental en artes de pesca", sinalando que un 43% dos golfiños comúns que aparecen varados e que aínda presentan un bo estado de conservación para poder valorar a posible interacción, presentan indicios de que a súa morte é compatible con esta actividade humana. Isto significa, unha vez aplicado o factor de corrección dos varamentos fronte ás mortes reais, que cada ano uns 212 individuos morren por captura accidental en Galicia. Nunha poboación duns 10.000 exemplares suporía o 2,12% "un valor por enriba do máximo asumible para mortalidade dentro dunha poboación segundo os criterios de ASCOBANS, que establecen o límite no 1,7%". "Canto tempo poderá soportar esa presión a especie?", pregúntase CEMMA.

Alerta igualmente da elevada presenza de microplásticos no aparato dixestivo destes animais

A Coordinadora alerta igualmente da elevada presenza de microplásticos no aparato dixestivo destes animais, pois un recente estudo realizado en colaboración co IEO concluíu que están presentes no 100% dos individuos examinados.

 

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.