Ciencia en Acción é un concurso internacional dirixido a estudantes, mestres, investigadores e divulgadores da comunidade científica, en calquera das súas disciplinas. O seu principal obxectivo é presentar a ciencia dunha maneira atractiva e motivadora, de modo que a mocidade e o gran público se interesen por ela. Suma xa 19 edicións e este ano os seus premios entregaranse a finais de outubro en Viladecáns (Cataluña), acompañados dunha feira científica. E entre os gañadores e gañadoras haberá tres traballos galegos.
Na modalidade de Curtas Científicas as Vídeoleccións XeoClip de Xacobo de Toro e Adela Otero obtiveron o primeiro premio, destacando o xurado "a magnífica posta en escena de recursos audiovisuais en formato de distintas cápsulas de contidos científicos con rigor e entretemento para a aprendizaxe da xeoloxía".
Ademais, con Einstein para perplejos, de Jose Edelstein e Andrés Gomberoff (Universidade de Santiago de Compostela) obtiveron unha Mención de Honor na categoría de Traballos de Divulgación Científica, sinalando a organización que se trata dunha "edición impecable" que amosa "o contexto histórico e intelectual no que se orixinaron as ideas de Einstein e tamén o legado que deixou trala súa morte".
De igual xeito, José Viñas, Xacobo de Toro (IES Urbano Lugrís de Malpica) e David Eiroa (CPI de Atios) fixéronse con outra Mención de Honor na modalidade de Materiais Didácticos de Ciencias co seu traballo ¿Cómo llegó la vacuna de la viruela a América?. O xurado subliña que se trata dun "material de gran valor didáctico, onde se combinan xogos e actividades dedicados a dar a coñecer o traslado da vacina da varíola a América, co obxectivo de aprender, á vez que se xoga, sobre un tema tan actual e interesante como son as vacinacións".