0 Gardados para despois

O videoxogo galego 'The Waylanders', protagonista na principal revista anglosaxona do sector

Redacción | @prazapublica

O estudio coruñés de videoxogos Gato Salvaje está a traballar dende o pasado ano nun novo e ambicioso proxecto, The Waylanders, unha produción que conta cun orzamento duns dous millóns de euros, que ocupa a 38 persoas e que verá a luz a comezos de 2020. Esta semana a revista PC Gamer, o medio anglosaxón máis importante no campo dos videoxogos, dedicoulle unha ampla reportaxe que inclúe unha entrevista a Fernando Prieto, produtor executivo.

The Waylanders é un xogo RPG de fantasía que inclúe referencias a lendas galegas e mitoloxía céltica e ao propio Camiño de Santiago, que os xogadores deben defender. O proxecto foi presentado o pasado mes de marzo na sede de Afundación, nun acto no que os responsables da compañía destacaron que o lanzamento podería servir para impulsar o sector de videoxogos en Galicia, en retroceso nos últimos tempos. O proxecto foi unha das estrelas do congreso Mundos Digitales, que se celebrou o mes pasado na Coruña.

No desenvolvemento deste xogo, que o estudio quere lanzar nos mercados internacionais ao mesmo nivel, a compañía incorporou creativos procedentes de empresas de todo o Estado e mesmo autores de prestixio internacional como Mike Laidlaw. The Waylanders inclúe na súa construción o uso do sistema de captura de movementos de Xsens, para dotar de maior realismo ás accións dos personaxes. A acción do xogo, que xa está a ser comparado con títulos como Dragon Age ou Neverwinter Nights 2, tería lugar en dous momentos temporais: o período celta e a Idade Media, nos inicios co Camiño de Santiago.

Gato Salvaje presentou en 2010 o seu primeiro videoxogo, AR-K, que buscou lanzar a través de Kickstarter, algo que conseguiu finalmente en 2013, conseguindo máis de 100.000 euros nesa campaña de micromecenado. En 2014 presentou o segundo episodio do xogo e en 2015 chegou o terceiro, La Gran Evasión. No ano 2016 Gato Salvaje puxo en Stream o primeiro videoxogo en galego desta plataforma, Bullshot.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.