Cilenis: Dende a USC, para o mundo

Xuntanza entre os membros de Cilenis e Marc Vidal © Nocomun

Cilenis, a start-up tecnolóxica nacida no seo dun grupo de investigación da Universidade de Santiago, camiña cara á internacionalización coa incorporación como socio da empresa de Idodi Labs, a compañía de Marc Vidal, especialista en emprendemento e nova economía. O acordo permitirá a Cilenis contar co coñecemento e experiencia dun dos analistas económicos máis prestixiosos a nivel español e internacional.

Cilenis está dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística

Cilenis está dedicada ao desenvolvemento de produtos e solucións nos campos do procesamento da linguaxe natural e a enxeñería lingüística, e é a primeira empresa galega que consegue o apoio de Marc Vidal. O proxecto naceu en maio de 2011 con clara vocación internacional. É unha empresa spin-off creada por membros do grupo de investigación ProLNat@GE da USC, dirixido polo profesor e investigador Pablo Gamallo.

Este acordo permitirá contar co mentoring, coñecemento e experiencia de Vidal, apoio no desenvolvemento técnico e económico e o impulso no proceso de internacionalización, para o que Cilenis disporá das sedes de Idodi en cidades como Londres, Dublín, Panamá, Boston, Los Ángeles, Lisboa e Kuala Lumpur entre outras. Marc Vidal é un analista económico seleccionado en 2010 como unha das dez persoas máis influentes de Internet en España. Logo de traballar como consultor en modernización e internacionalización de grandes empresas, emprendeu unha nova etapa profesional centrada nas start-ups, empresas innovadoras cun gran potencial de crecemento. Fundou cinco empresas nos últimos cinco anos, que dan traballo a máis dun cento de persoas en América e Europa.

Xuntanza entre os membros de Cilenis e Marc Vidal © Nocomun

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.