0 Gardados para despois

O satélite galego XaTcobeo continúa no espazo dez meses despois

Redacción | @prazapublica

O XaTcobeo, o primeiro satélite artificial construído en Galicia, superou xa os dez meses de actividade no espazo, superando todas as expectativas previas. O proxecto da Universidade de Vigo lanzouse o 13 de febreiro dende a Güiana Francesa xunto con outros seis picosatélites. Cinco deles xa deixaron de emitir e o vigués é o único que se mantén activo, xunto co húngaro Masat-1.

A misión do XaTcobeo, que entrou en órbita cunha previsión de tres meses de vida útil, consistía en comprobar a validez do seu sistema de despregue de paneis solares e a radio reconfigurable dende a sala de control viguesa, ademais de medir os elevados niveis de radiación que soportou ao atravesar os aneis Van Allen. Polo de agora xa validou ao redor do 85% do hardware e o software e na actualidade estase á espera de que baixe a unha órbita máis favorable para realizar algún experimento máis. Nos últimos dez meses o XaTcobeo enfrontouse a uns niveis de radiación historicamente elevados e mesmo a un eclipse solar

O proxecto, denominado Dieste nun primeiro momento, foi presentado o 5 de xuño de 2008 polo presidente da Xunta, Emilio Pérez Touriño. Tivo un custe de 1.2 millóns de euros e foi financiado nun 50% polo Ministerio de Ciencia e Investigación, nun 25% por Retegal e noutro 25% pola Universidade de Vigo e o Instituto Nacional de Técnicas Aeroespaciais. No seu desenvolvemento participaron oito grupos de investigación, 30 doutores e 40 estudantes de postgrao.

Grazas a el a Universidade de Vigo converteuse nun referente en todo o mundo na construción deste tipo de satélites de baixo custe

Grazas a el a Universidade de Vigo converteuse nun referente en todo o mundo na construción deste tipo de satélites de baixo custe. O profesor Aguado, responsable do proxecto, participa esta semana nun congreso de estandarización e verificación de microsatélites que se celebra Xapón. Aguado explica que o sistema do XaTcobeo “funcionará de forma inmellorable en órbitas comerciais, xa que foi validado en condicións moitísimo máis esixentes respecto das que ten operado ningún cubesat ata hoxe".

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.