Unha Praza pensada dende e para internet

CC-BY-SA Praza Pública

Praza Pública é un proxecto pensado e deseñado para internet, na crenza de que o mellor vieiro para os medios de comunicación en galego é a Rede. Praza é, ademais, un reto tecnoloxico: é un dos primeiros xornais no mundo deseñados e pensados integramente para o estándar de HTML5, que aproveita todos os recursos dispoñíbeis en internet, e que ademais o fai en formatos libres e abertos.

A principal característica técnica de Praza Pública é o feito de estar completamente construído en HTML5, un formato tecnolóxico innovador que o pon á dianteira dos medios de comunicación na Península. O HTML5 ábrelle a porta ao aproveitamento realmente multimedia dos contidos xornalísticos. Podedes ver unha mostra no tratamento deste corte de audio, por exemplo, ou neste vídeo coa última entrevista feita a Isaac Díaz Pardo. A medida que Praza Pública engraxe irá empregando máis intensamente estes recursos tecnolóxicos dende o punto de vista xornalístico, incorporando distintos widgets e utilidades enfocadas á información de calidade.

Outra característica clave de Praza Pública, na que se gastou moito esforzo, é a de adaptarse perfectamente a todos os tamaños de pantalla. Praza non está pensada unicamente para computadores, senón para as técnicas de uso e as dimensións que trouxeron tablets e smartphones. Así, se agora estades diante dun computador e queredes ver como funcionaría nun móbil, por exemplo, só tedes que reducir o seu tamaño turrando por unha esquiniña.

En 2012 a maior parte da conversa que xera un xornal sucede fóra do propio medio, esparexido polas distintas redes sociais. Por iso en Praza Pública criamos que non tiña sentido desenvolver un sistema interno e limitado de comentarios, como o que estamos acostumados a ver nos medios, e si apostar por integrar toda a conversa que se produce en Facebook, Twitter e Google+ (e o que virá) dentro do mesmo fío.

Entre os demais aspectos técnicos interesantes de Praza Pública pódense sinalar a optimización para navegadores máis modernos, o alto nivel de emprego de cachés para reducir tempos de cargas e aumentar a velocidade, o emprego total de software libre (tanto o desenvolvido en Galicia como aproveitado e reempregado), a liberación extensiva de contidos con licenzas abertas, o seguimento da actualidade con técnicas de real-time etc.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.