0 Gardados para despois

E se fose a princesa a que salvase a Mario?

Redacción | @prazapublica

Todo comezou un día cando Ellis, a filla de tres anos do programador Mike Mika, despois de xogar co Donkey Kong (no que Mario debe rescatar a princesa), preguntoulle a seu pai que por que non podía xogar coa princesa. De feito, en xogos máis recentes coma o Super Mario Bros 2, si se pode escoller un personaxe feminino. O seu pai díxolle que "nese xogo non se pode", unha resposta que anoxou a pequena.

Mike Mika traballa en Other Ocean Interactive e leva deseñando videoxogos moitos anos, dende a Atari 2600 até a Xbox 360. Como relatou esta semana nun artigo en Wired, "os nenos pídenlles todo o tempo cousas imposibles aos seus pais. Pero esta vez era diferente: Son un programador de videoxogos. Podo facelo". Pasou toda a noite hackeando o xogo, creando todos os compoñentes para os movementos da princesa, mudando as cores e os elementos textuais, e pola mañá Ellis puido xogar ao Donkey Kong coma a princesa. Ademais, foi narrando en directo os avances do proxecto en Facebook e poucas horas despois falábase do que fixera en toda a rede. O patch para modificar o xogo pode descargarse aquí.

Poucos días despois a Mike Mika saíronlle imitadores e comezaba a circular pola rede unha nova versión do clásico Super Mario da NES. Nesta ocasión era a princesa a que saltaba por riba de tartarugas e disparaba bolas de lume, buscando o pequeno fontaneiro italiano de castelo en castelo. Neste caso patch para modificar este xogo pode descargarse aquí.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.