Un texto de Marilar Aleixandre e Ánxela Bugallo, o artigo español de investigación educativa máis citado da última década

Marilar Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación da USC © USC

“Doing the Lesson” or “Doing Science”: Argument in High School Genetics foi publicado en 1999 e é pioneiro dunha liña emerxente a principios da pasada década sobre argumentación e uso de probas. Aleixandre e Bugallo analizaron, xunto co profesor Richard A. Duschl (Penn State, EE.UU), analizaron a capacidade dos alumnos dun instituto galego para xerar ideas e argumentos científicos nunha aula centrada na xenética.

As investigadoras observaron e gravaron os e as alumnas, mentres conversaban sobre os temas expostos na clase, distinguindo entre aqueles argumentos máis ligados con seguir ou facer a lección e aqueles outros máis creativos, relacionados co método científico. Segundo Aleixandre, a razón de que o artigo tivera tantas citacións (un cento na última década, un número elevadísimo para un texto de ciencias sociais) débese a que traballaron nun ámbito, o da argumentación, moi pouco tratado daquela, e polo tanto este texto se usou decote como referencia en investigacións posteriores. 

Todo isto levou o artigo a ser o texto español de investigación educativa máis citado dos publicados nas revistas do Social Sciences Citation Index (SSCI) na década 1998-2009. O ranking, que se pode consultar no número 250 de Revista Española de Pedagogía, foi elabadi polo profesor Antonio Fernández-Cano. Segundo o investigador da Universidade de Granada, nos dez anos estudados publicáronse 1.067 artigos españois, dos que o 71% procede das 15 universidades máis produtivas, entre as que figura a USC na 13 posición, con 30 artigos. Do total deses 1.067 só 74 teñen dez ou máis citas.

Marilar Aleixandre, catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais na Facultade de Ciencias da Educación da USC © USC

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.