0 Gardados para despois

Menos cidadanía nas listas de espera, pero agardando máis

Redacción | @prazapublica

Menos persoas a agardar, pero agardando máis. O Servizo Galego de Saúde vén de facer públicos os datos das súas listas de espera correspondentes ao primeiro trimestre do ano e, á marxe do xeito oficial de presentalas -centrando o foco na gravidade das patoloxías-, as cifras globais falan dun lixeiro incremento do tempo para poder acceder a unha operación cirúrxica na sanidade pública. Fronte aos 82,2 días de finais do pasado 2012, no mesmo momento de 2013 este indicador situouse nunha media de 83,4 días.

Como adoita acontecer, o hospital privado concertado Povisa -que é o de referencia para uns 100.000 usuarios e usuarias do Sergas- segue a exercer de lastre para o sistema. O policlínico vigués é, de lonxe, o hospital con maior tempo de agarda, con 185,4 días de media. Esta cifra supón máis do dobre do seguinte centro hospitalario con maior demora, o Hospital Universitario da mesma cidade de Vigo, con 79,9 días. Este hospital está seguido de cerca polo da Coruña, con 77,4 días, e tamén pola da Costa, en Burela, que no seu caso acumula 76,2 días de lista de espera.

Povisa segue a ser o gran lastre do sistema, con 185,4 días de agarda en lista cirúrxica

Unha mostra da rémora que é Povisa é o propio xeito de presentar as listas que ten a Consellería de Sanidade, ofrecendo un dato total "sen Povisa" e outro "con Povisa". Así, se non fose por esa clínica o dato global do Sergas estaría en 64,2 días de media, segundo os datos oficiais da Xunta, os cales sinalan tamén que Povisa é cuarto hospital con máis pacientes agardando, 5.883, só superado polo hospital coruñés (7.336), o Universitario de Vigo (7.209) e o Clínico de Santiago (6.400).

A boa noticia para as listas de agarda está nas consultas especializadas. Mentres que hai un ano este indicador estaba nos 55,4 días de media desta volta baixa ata os 49,3 días. Por hospitais, no que máis se agarda por unha consulta é no Universitario de Vigo, con 67,6 días, algo máis que no Complexo Arquitecto Marcide-Novoa Santos (63,4 días).

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.