Appentra, spin off da UDC, comercializará o seu software en todo o mundo

Captura de pantalla da web © Appentra

A spin off de base tecnolóxica da Universidade da Coruña Appentra Solutions, actualmente no viveiro de empresas, vén de recibir un fondo NEOTEC concedido polo Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial, dependente do Ministerio de Economía, polo que se canalizan as solicitudes de financiamento e apoio aos proxectos de I+D+i de empresas españolas nos ámbitos estatal e internacional. A contía do fondo ascende a 356.928 euros, que se destinarán ao desenvolvemento e comercialización a nivel internacional do produto software deseñado por Appentra.

Esta empresa foi constituída en xullo de 2012 co fin de prover o mercado de novas ferramentas software que permitan un uso extensivo de técnicas de computación de alto rendemento (HPC -High Performance Computing-) en todos os ámbitos da enxeñaría, ciencia e industria, con aplicación en sectores de actividade como o aeroespacial, automoción, enxeñaría civil, farmacéutico, biomedicina e química.

O produto deseñado por Appentra denomínase ParallWare, e trátase dun software pioneiro no mundo para automatizar a aceleración dos cálculos en aplicacións de simulacións que teñen altas necesidades computacionais

Tras varios meses de preparación, esta spin off acadou este importante fondo que só se concede a empresas de base tecnolóxica con liñas de I+D propias e que teñan unha estratexia de negocio baseada no dominio intensivo do coñecemento científico e técnico. Deste xeito, Appentra poderá cubrir os seus obxectivos estratéxicos na fase de arranque da empresa, un logro polo que a dirección da empresa séntese plenamente satisfeita, xa que ve respaldada a súa estratexia de financiamento, que inclúe iniciar unha primeira rolda de financiamento externo no último trimestre de 2013 onde daría entrada a capital privado.

O produto deseñado por Appentra denomínase ParallWare, e trátase dun software pioneiro no mundo para automatizar a aceleración dos cálculos en aplicacións de simulacións que teñen altas necesidades computacionais e que precisan cambios frecuentes para mellorar as funcionalidades existentes ou para incorporar novas funcionalidades. O gran reto que aborda Appentra con este novo produto é a paralelización automática de aplicacións secuenciais xerando un programa paralelo correcto que produza un resultado equivalente ao do programa secuencial.

A estratexia de I+D de Appentra baséase na adaptación e aplicación da súa exclusiva tecnoloxía a outros tipos de sistemas computación de altas prestacións (HPC) amplamente utilizados no mercado. Este proceso de evolución da súa tecnoloxía exclusiva virá acompañado do deseño, desenvolvemento e comercialización de novos produtos innovadores que cubran necesidades reais de diferentes segmentos do mercado HPC.

Captura de pantalla da web © Appentra

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.