Galicia, sen abrigo en pleno "inverno demográfico"

Un neno, con dúas anciás nun centro de maiores © CEIP 2 de Tui

Que Galicia é un país minguante en termos poboacionais é un feito pouco ou nada novidoso. Hai moito tempo que o país diminúe, nacemos menos mentres seguimos morrendo, máis vellos e vellas, pero morrendo. Estas circunstancias incuestionables veñen de ser axitadas por un estudo rutineiro do Instituto Nacional de Estatística (INE), os estudos anuais do movemento natural da poboación que revelan que en 2012 Galicia ultrapasou unha barreira psicolóxica, a das dez mil persoas de saldo vexetativo negativo. Concretamente, ao longo do pasadado ano morreron 10.048 persoas máis das que naceron, o que sitúa o dato galego á cabeza do Estado.

Coa segunda taxa bruta de mortalidade máis alta de todas as autonomías -11,3 persoas por cada mil habitantes-, durante 2012 morreron un 4,3% máis de galegos e galegas que no ano anterior, mentres que os nacementos diminuíron un 2,2%, ficando a taxa de natalidade nun raquítico 7,6 que reflicte os 21.113 nenos e nenas que viron a luz no país ao longo do pasado exercicio, segundo o Rexistro Civil. Coa esperanza de vida situada, como media estatal, en máis de 79 anos para os varóns e en 85 para as mulleres, so 30 concellos galegos presentan saldos vexetativos positivos, encabezados por Ames, con 264 nacementos máis que mortes, nun rexistro no que só se atopan dúas das sete cidades: Vigo (156) e Pontevedra (116).

Neste contexto cabe preguntarse que é o que cómpre facer, se é que se pode facer algo. Ao longo da lexislatura pasada non foi pouco o tempo que se dedicou a debater a cuestión demográfica no Parlamento, cunha comisión específica que, sobre todo en 2011, escoitou opinións expertas na materia coa intención de elaborar un plan de revitalización demográfica. Eses traballos retomáronse neste 2013 pola vía rápida. A Consellería de Traballo e Benestar retomou o seu propio plan de dinamización demográfica, non o do Parlamento, e dispúxose a tramitalo na Cámara o pasado maio a unha velocidade de vertixe: apenas pasaron tres días dende que a conselleira Beatriz Mato o entregou ata que foi debatido e, finalmente, aprobado só cos votos do PP. A oposición, polo camiño, tivo apenas unha hora para realizar achegas que, en calquera caso, só serían engádegas ao plan xa definido polo Goberno.

O diagnóstico da Xunta

O saldo vexetativo galego é o peor do Estado e en só trinta concellos nacen máis persoas das que morren

Tras ese fugaz trámite e o seu conseguinte e escaso debate Galicia ten, cando menos sobre o papel, unha "estratexia" para afrontar ata o ano 2020 o que a propia Xunta define como "inverno demográfico", un "continuado decrecemento" ante o que cómpre "actuar". A "revitalización é urxente e imprescindible", declara o plan, no que o Executivo establece a "familia como estrutura básica da sociedade e ámbito natural de desenvolvemento" das persoas, elemento para o que se marca o reto de "incrementar o valor social da natalidade".

Para conseguir estes obxectivos xerais a Xunta sinala que se dotou dun marco normativo ao respecto, entre o que inclúe a controvertida Lei de Familia e Convivencia, o texto lexislativo que, entre outros aspectos, dá cobertura ao financiamento público de campañas antiabortistas e que, segundo o Consello Económico e Social, pretende devolver a muller a "roles tradicionais" de coidado da familia e das persoas maiores co obxectivo de "aforrar" en servizos públicos.

A Xunta insiste en desvincular a "decisión da natalidade" da "situación económica" ou do "desemprego"

Ademais destas ferramentas legais o Goberno dotouse tamén de elementos de xuízo, como unha enquisa que o levaron a conclusións que no seu momento foron case tan polémicas como a devandita lei. Así, segundo a titular de Benestar, "a decisión da natalidade non está vinculada á situación económica ou ao desemprego de forma directa" e por iso cómpren "campañas de fomento do crecemento demográfico", porque "a poboación non é consciente" deste problema. A Xunta conclúe tamén, a partir dese estudo, que "o factor máis importante á hora de retraer a decisión da maternidade/paternidade é non ter estabilidade de parella", o cal, aseguran, "supera outros criterios como non contar con servizos de conciliación da vida persoal, familiar e laboral". Non obstante, o propio inquérito reflicte que a diferenza porcentual entre uns e outrso factores e mínimo.

As medidas

Malia á escasa concreción dalgúns dos seus treitos o plan si inclúe, non obstante, un paquete de medidas nas que as devanditas "campañas de sensibilización" teñen unha notable importancia xunto a outros elementos como a elaboración dunha "guía infromativa de recursos de apoio á maternidade", recursos que, atendendo ás normas vixentes, inclúen o asesoramento da chamada Red Madre, organismo fomentado polo Foro Español de la Familia que por lei recibe apoio loxístico e económico da Xunta.

O Plan Demográfico do Goberno galego céntrase máis nas campañas de sensibilización que nas axudas

A celebración de comisións e congresos, a edición de publicacións sobre "o valor dos fillos e fillas" ou  "obradoiros" para a mocidade sobre os valores da familia centran boa parte dun plan que é sensiblemente menos concreto á hora de falar de axudas, tales como o apoio á emancipación, os subsidios por nacemento ou adopción ou o incremento de prazas de escolas infantís. Segundo a Consellería, durante a vixencia do plan tamén chegarán incentivos fiscais "en función do número de fillos",  "redución de xornadas para compatibilizar a vida laboral coa familiar" ou "axilizar os trámites de adopción nacional e internacional". Tamén van neste paquete outras accións como considerar "membros da unidade familiar" as persoas "non nacidas" en actos administrativos como a solicitude dunha axuda para a vivenda. Mentres, en todo caso, o "inverno" segue a arreciar.

Fonte: INE © INE
Fonte: INE CC-BY-SA Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.