0 Gardados para despois

O Valedor e a Xunta ven Internet cheo de "perigos"

Redacción | @prazapublica

"Pero como lle mandaches esas fotos?". A actividade dun acosador que se fai pasar por un rapaz de 17 anos para obter fotos privadas de adolescentes centra o argumento do cómic Os perigos de internet, editado polo Valedor do Pobo e a Consellería de Traballo e Benestar para alertar das "ameazas" que poden atopar os adolescentes na rede. Editáronse 30.000 exemplares do tebeo, que será distribuido en todos os centros de secundaria. 

O Valedor lembra que o 53% dos rapaces navegan sen control ningún dos seus pais, que no 80% dos casos nunca discutiran con eles por mor do seu uso de internet, segundo un estudo publicado en 2011. 

A historia alerta de "perigos" coma a "difusión indiscriminada de imaxes persoais sen autorización, a desprotección da intimidade dos menores, os comportamentos case adictivos ás redes sociais e a importancia destas nas relacións entre a poboación adolescente e como elemento perturbador da convivencia familiar". Anima tamén os pais a implicarse "nesta importante tarefa de guiar aos mozos polo camiño do uso seguro de todas as tecnoloxías ao seu alcance e de poñer sobre aviso ás familias dos posibles perigos". E, de feito, remata con ambos os dous proxenitores creando filtros para a navegación e abrindo cadansúa conta de Facebook e Twitter.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.