A guerra na era das redes sociais

Perfil en twitter das Alqassam Brigades, brazo armado de Hamas Dominio Público Praza Pública

En 1991 a Guerra do Golfo, aquela denominada como a “nai de todas as guerras”, irrompía no noso salón con imaxes que parecían de videoxogo pero que amosaban unha realidade crúa e impactante. Era a primeira vez que se presenciaba televisado en directo un ataque bélico e cuxo nome (Operación tormenta do deserto), moi ao estilo estadounidense, facía lembrar a unha vella película de John Ford.

“Na segunda guerra do Golfo houbo unha sensación xeneralizada de que era unha guerra televisada en directo. Realmente o que viamos na pantalla negra eran esas raias verdes e pouco máis, pero así é como se vendeu a historia”, di a eldiario.es Jesús Núñez Villaverde, codirector do Instituto de Estudos sobre Conflitos e Acción Humanitaria (IECAH), e profesor de Relacións Internacionais na Universidade Pontificia Comillas (Madrid).

A televisión convertíase entón nun actor máis desa guerra devastadora, como o foi case 30 anos antes a fotografía na intervención que EEUU fixo en Vietnam. No conflito da antiga Iugoslavia (1992-1995) pola contra, as imaxes dos correspondentes falaban dunha guerra allea na que non se tiña esa sensación de que estivese a pasar en directo nin a conciencia de que se estivesen cometendo crimes de guerra coma as violacións en masa. “As canles eran moi limitadas, non existía internet. En Bosnia todos tiñamos unha radio multibandas e era a única maneira de saber que pasaba. Escoitabamos a BBC, onde sabías que o que aí se contaba era certo”, conta Ramón Lobo, xornalista que foi correspondente de guerra durante 20 anos.

A guerra dos Balcáns foi a última antes de que internet se utilizase de forma masiva, aínda que iso non quere dicir que non existise. “Guerra e internet nacen xuntas, posto que internet non deixa de ser un deseño militar que logo se traslada ao campo civil”, apunta Núñez. “A guerra da ex Iugoslavia marca un antes e un despois. A súa aparición [das redes sociais] obriga a actuar dunha forma distinta a todos: á cidadanía, que xa non pode dicir que non sabía o que estaba a pasar, e aos gobernos que se empezan a sentir presionados”.

 

#todoestanarede

”Cambiou o paradigma de como se ven os conflitos. Hoxe, no mundo occidental, é imposible obviar o peso que iso ten na política exterior, ningún goberno pode desentenderse do que está nas redes sociais”

A irrupción de internet como medio masivo cámbiao todo. Até os conflitos armados. As impactantes imaxes da morte de Muamar o Gadafi en Libia e de Sadam Hussein en Iraq, supostamente gravadas cun teléfono móbil para logo circular por canles como YouTube, dan boa conta da metamorfose. ”Cambiou o paradigma de como se ven os conflitos. Hoxe, no mundo occidental, é imposible obviar o peso que iso ten na política exterior, ningún goberno pode desentenderse do que está nas redes sociais”, afirma o profesor. “Xa non podemos dicir eu non sabía, xa non vale, nin sequera na Alemaña nazi valía dicir non sabía que había campos de concentración, pero tamén podían escudarse en que só había unha canle de información”.

Polas redes sociais flúe información que antes só se atopaba nunhas poucas canles, democratiza o uso da mesma e fainos máis responsables. Pero, é fiable? “Hai moita xente que non se dá conta de que é unha canle de información, non é unha canle de verdade revelada”, advirte Ramón Lobo. “Nunha guerra só se salvarían [de intencionalidade] os civís que son os auténticos afectados da guerra e non son xente que teña acceso ás redes sociais”.

Coa crise dos medios de comunicación cada vez hai menos persoas de medios sobre o terreo. “En Siria, por exemplo, quitando as grandes axencias, os medios están case ausentes”

Coa crise dos medios de comunicación cada vez hai menos persoas de medios sobre o terreo. “En Siria, por exemplo, quitando as grandes axencias, os medios están case ausentes”, continúa o xornalista. “Os que están teñen a tentación de pensar que a través das redes sociais, de organizacións próximas aos rebeldes ou ao goberno podes ter unha información fidedigna. Isto é como o dito do matrimonio cando rompe: podes ter a versión dela ou del, pero non a verdade”.

O que si permitiu a ebulición das redes sociais é que case calquera cousa que pase no mundo se termine sabendo e se consiga, por exemplo, un movemento cidadán como ocorreu coas primaveras árabes, o 15M ou o #YoSoy132 mexicano. “Claro que tiveron un papel importante para organizar mobilizacións cidadás pero desde o meu punto de vista sobredimensionouse o papel das redes sociais”, sostén Núñez Valverde. “Parecería que todo o mundo está conectado a internet ou todo o mundo ten cartos para pagalo, cando realmente non é así. É precisamente neses países unha forma máis de controlar a circulación da información”.

Leila Nachawati, profesora de Comunicación na Universidade Carlos III e colaboradora de eldiario.es, pon como exemplo o caso de Siria, onde opera o denominado Exército Electrónico (Syrian Electronic Army). “É xente vinculada ao Goberno [de Bachar El Asad] que se dedica a hackear páxinas xestionadas por membros da oposición siria”, explicaba para El País.

 

Cando a guerra se libra en internet

No conflito entre Israel e Palestina tamén está xogado un papel moi importante. Por primeira vez, o exército israelí está a usar o alcance das redes sociais para gañar a opinión pública

No conflito entre Israel e Palestina tamén está xogado un papel moi importante. Por primeira vez, o exército israelí está a usar o alcance das redes sociais para gañar a opinión pública. En agosto de 2011 o portavoz do Exército israelí, Avi Benayahu, anunciou que buscaban alistar combatentes que soubesen utilizar con pericia “os novos medios”. A razón: “As redes sociais son unha arma estratéxica”, explicou. “Son un espazo de participación cidadá, pero tamén de control e de manipulación”, di Núñez. “É un instrumento, nin bo nin malo en si mesmo, nuns casos serve para defender causas nobres e noutros casos infames”.

En Israel, as redes sociais das Forzas Armadas de Israel (IDF polas súas siglas en inglés) son controladas por Sacha Dratwa, un inmigrante belga de 26 anos. “Nunca viramos un exército usando as redes sociais con tanta intensidade. Cremos que as persoas cada vez máis obteñen a información de plataformas como Facebook e Twitter, que son os que están en escena do mesmo xeito que o exército israelí”, sinalou Dratwa nunha entrevista en Tablet Magazine.

A ofensiva en Gaza é a primeira iniciativa militar que se retransmite en directo a través das redes sociais e diferentes plataformas dixitais. Tanto é así, que o ano pasado, a conta de Twitter do exército israelí tuiteaba a morte dun dos dirixentes de Hamas. Pola súa banda, as Brigadas extremistas de Al Qassam, brazo militar de Hamás, tamén posúen conta na rede social onde van contando os seus éxitos militares.

 

Os ollos de Wikileaks

“Wikileaks cumpriu o servizo de freo para que o goberno non actúe con total impunidade e iso é algo a valorar”, di Núñez

Un último e novo personaxe entra na partida dos xogos de guerra. O 10 de xullo de 2010, o nome de Julian Paul Assange pasaba a ser internacionalmente coñecido. A filtración de miles de documentos militares sobre a guerra de Iraq e Afganistán na súa páxina web Wikileaks daba a volta ao mundo. Non sería o único protagonista. Chelsea Manning, condenada a 35 anos de prisión foi quen pasou a WikiLeaks 470.000 rexistros de ambas as guerras, 250.000 cables do Departamento de Estado e outros documentos clasificados.

“Wikileaks cumpriu o servizo de freo para que o goberno non actúe con total impunidade e iso é algo a valorar”, di Núñez. Con Snowden e as súas filtracións da NSA, o todopoderoso servizo de intelixencia de EEUU, ve perigar o seu segredo. “É unha pelexa permanente para calquera goberno, -engade Lobo- en EEUU hai máis dun millón de persoas con acceso a información de alto segredo. É fácil que volva ocorrer”.

Hoxe, a presión das redes sociais é tan importante que ningún goberno de ningún país que inicie ou apoie unha guerra non pode non telas en conta

Hoxe, a presión das redes sociais é tan importante que ningún goberno de ningún país que inicie ou apoie unha guerra non pode non telas en conta. Para Jesús Núñez, teñen tal transcendencia que algunhas medidas que toman gobernos “non son tanto en función dos plans que tiñan inicialmente, senón forzados precisamente por esa presión pública. Para o bo e para o malo”.

Perfil en twitter das Alqassam Brigades, brazo armado de Hamas Dominio Público Praza Pública
A conta de twitter do exército israelí dá conta da execución dun dirixente de Hamas Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.