"Necesitamos cambios estruturais e non estar simplemente nas mans do ciclo económico"

Xavier Labandeira © Climantica.org

Xavier Labandeira, catedrático da Universidade de Vigo, foi designado hai dúas semanas para dirixir, dende o Instituto Universitario Europeo (EUI) de Florencia, a unidade de investigación que avalía o resultado das políticas climáticas da UE. Un posto de gran responsabilidade para este vigués, que tamén é responsable do centro Economics for Energy, un centro de investigación privado especializado na análise económica das cuestións enerxéticas. Labandeira substituirá o profesor Denny Ellerman, un recoñecido experto, antigo colaborador do MIT e do goberno norteamericano, que dirixiu a Unidade de Política Climática da UE dende a súa creación en 2010, impulsada por Josep Borrell.

O seu labor na Unidade de Política Climática consistirá en analizar os resultados que están acadando as políticas de control de emisións de gases de efecto invernadoiro e as políticas activas de enerxías renovables e tamén servir de nexo e foro de debate entre centros de investigación de diferentes países e entre as grandes empresas enerxéticas europeas. En varias ocasións ten sinalado a necesidade de enfrontarse ao cambio climático con medidas máis contundentes, deseñando estratexias dende a economía, situando como horizonte desexable un ano 2050 cunha estrutura de produción eléctrica totalmente libre de carbón e combustibles fósiles.

"Non podemos atopar exemplos a nivel global que seguisen o noso camiño, pero precisamente por iso é interesante subministrar información sobre como teñen funcionado estes instrumentos aquí a outros países interesados"

En que vas centrar o teu traballo na Unidade de Investigación sobre Política Climática do EUI?

O meu traballo alí vai ser relativamente continuísta co que xa se ven facendo: investigación aplicada, isto é con datos, sobre os instrumentos de política climática existentes na UE. Principalmente sobre o mercado europeo de comercio de emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) pero tamén sobre as políticas renovables. Espero, unha vez estea asentado alí, poder afrontar novos asuntos, como o papel das políticas de eficiencia enerxética ou dos impostos ambientais para afrontar a mitigación dos GEI.

"A clave é tentar desacoplar a evolución das emisións de GEI da evolución económica para que cando se inicie o período de crecemento non se disparen novamente as emisións causantes de cambio climático"

A políticas climáticas da UE, aínda que perfectibles, son un exemplo positivo para o resto do planeta? Cales son os principais retos actuais? En que se deberían centrar os esforzos?

Si, eu penso que as políticas climáticas europeas son un exemplo para o resto do mundo porque só aquí se deseñaron e aplicaron instrumentos ambiciosos e parte dun paquete amplo. Desgraciadamente non podemos atopar exemplos a nivel global que seguisen o noso camiño, pero precisamente por iso é interesante subministrar información sobre como teñen funcionado estes instrumentos aquí a outros países interesados. Obviamente os retos actuais teñen que ver con aumentar a efectividade das políticas aplicadas, e iso pode conseguirse lanzando sinais axeitadas sobre o custo das emisións de GEI, promovendo a través desas sinais o desenvolvemento de tecnoloxías limpas e evitando unha deslocalización de actividades económicas desde Europa mentres todo o anterior se produce. Penso que os esforzos deben centrarse na mellora do funcionamento dos instrumentos existentes e tamén en tentar estender o alcance das políticas correctoras ao máximo número de países.

Que impacto tivo a crise económica nas políticas climáticas en Europa? A redución das emisións produto da crise relaxou a vixilancia? Estase aproveitando este momento de cambio e restruturación para o deseño dunha nova economía produtiva?

En boa parte de Europa a crise levou a unha redución das emisións de GEI porque a menor actividade económica afectou á demanda enerxética e ás emisións relacionadas con este sector. Tamén é verdade que a crise coincidiu cunha expansión das enerxías renovables en varios países, entre eles España, o que acentuou o fenómeno anterior. A clave é tentar desacoplar a evolución das emisións de GEI da evolución económica para que cando se inicie o período de crecemento non se disparen novamente as emisións causantes de cambio climático. Pero para isto necesitamos cambios estruturais e non estar simplemente nas mans do ciclo económico.

"Pasar dunha situación como esa a unha paralización virtual dos desenvolvementos renovables non é positivo e creo que reflexa un certo fracaso como país"

En concreto, en España, como valoras a política enerxética e as medidas sobre as renovables adoptadas nos últimos anos?

Penso que non se pode xeneralizar, como en case calquera tema. Certas enerxías renovables, como a eólica, mostraron unha expansión continua e con melloras de custos ao longo dun período relativamente longo. Outras tecnoloxías mostraron un comportamento moito máis explosivo que, xunto cuns custos relativamente elevados porque non se encontraban en estado de madurez, xeraron cargas importantes sobre o sistema enerxético e a sociedade española. Pasar dunha situación como esa a unha paralización virtual dos desenvolvementos renovables non é positivo e creo que reflexa un certo fracaso como país.

"Cremos que a imposición sobre o uso dos vehículos podería xogar un papel importante no futuro, substituíndo algúns dos tributos que na actualidade gravan este sector e que son relativamente ineficientes"

Dende Economics for Energy defendestes recentemente unha revisión do sistema impositivo enerxético-ambiental, con beneficios para o medioambiente e que tamén permitiría unha redución doutros tributos. En que consistiría esta reforma?

O noso informe recolle tres mensaxes fundamentais. En primeiro lugar que hai marxe no ámbito da imposición sobre hidrocarburos (gasóleos e gasolinas), polo menos no longo prazo. Isto basease na relativamente baixa carga fiscal destes produtos no noso país respecto ao noso entorno. En segundo lugar que a experiencia española con impostos enerxético-ambientais, bastante descentralizada, tivo bastantes sombras desde os anos 90: desde impostos aparentemente ambientais que prexudicaban as tecnoloxías limpas a tributos que buscaban eminentemente obxectivos recadatorios. En terceiro lugar, que é posible reformar esta imposición sen elevar a presión fiscal global (isto é, reducindo outros impostos) e innovando neste campo. En particular, cremos que a imposición sobre o uso dos vehículos podería xogar un papel importante no futuro, substituíndo algúns dos tributos que na actualidade gravan este sector e que son relativamente ineficientes.

Tamén tiveches un papel moi relevante no Grupo Intergobernamental sobre Cambio Climático da ONU. Como valoras a experiencia?

O meu papel foi ser autor principal nun dos capítulos do grupo 3 (mitigación do cambio climático), adicado ás políticas nacionais e subnacionais. Tamén contribuín a que a única xuntanza do grupo en Europa se producise en Vigo. A experiencia foi, en xeral, boa porque te desenvolves cun equipo de xente multidisciplinar e internacional e porque o traballo pode ser especialmente útil para avanzar na aplicación real de futuras políticas climáticas.

Xavier Labandeira © Climantica.org

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.