"No 2014 as tendencias en tecnoloxía de consumo serán saúde, wearables e 4K"

Captura de pantalla de A Mac-eira © Ganapán comunicación

Os blogues Galiloxía e A Mac-eira, especializados en novas tecnoloxías un e nos aparellos e sistemas operativos de Apple o segundo, anunciaron esta semana o seu peche, despois de tres anos de actividade. Nun texto común que publican nun e noutro blogue, ambos os dous realizados pola empresa Ganapán Comunicación, destacan que "durante este tempo tivemos a oportunidade de seguir eventos e presentacións de produtos novos, de descubrir novas e abraiantes tecnoloxías".

"Un medio en galego non pode ser simplemente unha tradución doutros medios coa escusa do idioma, ten que ser moito máis e nós non o estabamos a ser"

Explican a paralización da súa actividade en que "malia ser necesarios medios en galego que falen do que pasa ao noso arredor, do día a día, de tecnoloxía e de calquera cousa que un poida imaxinar, tamén é necesario que nos esixamos e lles esixamos a estes medios que os contidos sexan de calidade: Contido creado por eles e que sexa cen por cen de creación propia". Engaden que "non podemos aceptar traducións automáticas ou calquera cousa polo simple feito de que estea en galego. Somos xente intelixente, público esixente que entende e comprende varios idiomas… Por que nos imos conformar cunha información mediocre en galego cando podemos ter unha superior en inglés a un clic de distancia?". E conclúen que "un medio en galego non pode ser simplemente unha tradución doutros medios coa escusa do idioma, ten que ser moito máis e nós non o estabamos a ser".

"Este punto de encontro desaparecerá pero outro virá a tomar o relevo, un mellor que cumpra o que nós pensamos que debe ser calquera medio: algo máis grande e ambicioso no que xa estamos a traballar"

Polo tanto despídense, aínda que salientan que a despedida é temporal: "sabemos o que debe ser un medio, como debe ser e que debe facer e esa será a nosa nova meta. Este punto de encontro desaparecerá pero outro virá a tomar o relevo, un mellor que cumpra o que nós pensamos que debe ser calquera medio: algo máis grande e ambicioso no que xa estamos a traballar". Falamos con Agostiño, máximo responsable de ambos os dous blogues.

Explicades a despedida de A Maceira e Galiloxía nunha cuestión de calidade e contido diferenciado. E cunha reflexión sobre a función que debe cumprir un medio de comunicación en galego, cuxa importancia debe ser medida polo seu contido, non pola lingua na que se publica...

Evidentemente os motivos para deixar atrás estes dous proxectos son varios e non só un, pero se resumimos todo ao máis importante podemos dicir que si. Ambos blogs foron o meu primeiro achegamento ao mundo da blogosfera, de internet dende o punto de vista do creador de contido e en ningún momento cheguei a pensar que fosen durar tanto. Co tempo un ve como é a rede e as grandes vantaxes que ten, como poder acceder a información de calquera parte do mundo en calquera momento…, entón que sentido ten competir contra grandes corporacións con centos de empregados que están á mesma distancia ca ti do teu potencial lector? Non ten sentido pensar que a xente se vai conformar con contido de inferior calidade polo simple feito de estar nun idioma concreto; un ten que ofrecer algo máis ca unha mera tradución para verdadeiramente ofrecer algo de valor. Todos queremos que a nosa lingua chegue a tódolos eidos da nosa vida, pero non por iso temos que sacrificar calidade ou cantidade. Nós, tal e como estamos agora, non podemos competir en internet, que é un medio global, por iso decidimos o que decidimos, pechar e preparar un medio que si que poida competir.

"Non ten sentido pensar que a xente se vai conformar con contido de inferior calidade polo simple feito de estar nun idioma concreto"

Nestes tres anos de andaina, cales dos contidos publicados ou dos momentos ligados aos ámbitos tratados por A Maceira e Galiloxía destacariades?

Pese a que os dous tiñan moitos denominadores comúns a realidade é que eran dous medios moi diferentes. Galiloxía foi para min o meu primeiro fogar na rede, a miña primeira aproximación a moitas tecnoloxías, a moita xente e moitas experiencias, foi unha das primeiras pedras sobre a que naceu Vencello, a extinta rede de blogs en galego da que xa poucos quedan en pé. En resumo, Galiloxía foi en si a experiencia que me levou a onde estou. Polo outro lado, A Maceira foi un medio moito máis comercial, algo moito máis pensado para o gran público e como tal achegoume a grandes eventos coma o MWC o ano 2012 e co que pasei tamén momentos complicados, coma a morte de Steve Jobs. Foron, en resumo, dous contrapuntos do que o mundo da tecnoloxía e internet pode ser.

Como valorades a información sobre tecnoloxía que se fai en Galicia, sexa en medios xeralistas ou especializados?

A mellor resposta a iso é que abras a web de calquera xornal galego, porque o de en galego xa é moito esixir, e busques a sección de tecnoloxía. Na meirande parte dos casos non a atoparás, e no resto custarache atopala. Por sorte existe algún medio especializado que, malia ter recursos escasos, emprega estes case ao cen por cento a manter esta idea.

"Se os que teñen os medios e os recursos en Galicia non os poñen para poder facer contidos de calidade e en cantidade, ao final quedamos os pequenos bloggers"

A tecnoloxía non vende tanto coma os sucesos ou a política, pese a que practicamente todos os medios dependan de Google, para que os indexe, de Facebook e Twitter para darse a coñecer, de Samsung, Apple e doutras cen empresas que proven o mundo de tablets, móbiles e ordenadores onde se visualizan os seus contidos e grazas aos que teñen ingresos debido á publicidade… Pero para eles isto non é importante. Se eles, que son os que teñen os medios e os recursos en Galicia, non son os que os poñen para poder facer contidos de calidade e en cantidade, ao final o que nos queda é que sexamos os pequenos bloggers, sen recursos e sen axuda, os que cubramos como podemos un nicho do mercado que lonxe de diminuír, aumenta ano a ano.

Todo isto é aínda máis curioso se o comparamos co resto do mundo, xa non só a nivel nacional, onde empresas como Hipertextual ou Weblogs copan boa parte do mercado, senón no outro lado do charco onde medios como The Verge son o gran referente mundial e diarios como The Wall Street Journal  buscan ser sempre os primeiros en ter todas as novas tecnolóxicas. Por certo, podes ver a palabra Tech na súa portada entre as seccións máis importantes.

"No 2014 as tendencias están moi claras, serán saúde, wearables e 4K"

Cales credes que serán as tendencias que marcarán o 2014 en materia de tecnoloxía?

No 2014 as tendencias están moi claras, serán saúde, wearables e 4K (o novo estándar de resolución de imaxe dixital). Saúde no que respecta a móbiles con sensores, volta das pulseiras de cuantificación e enfoque en controlar a nosa saúde coa tecnoloxía. A segunda e clara serán os wearables, a tecnoloxía para levar posta, principalmente os reloxos con Google á cabeza e a súa aposta con Android Wear, que aínda que por agora só se limita a reloxos e Google Glass, isto pode mudar moi pronto. E finalmente o 4K, o sucesor do 1080p, algo que comezaremos a ver este ano cada vez con máis forza.

E cales marcarán os vindeiros anos?

Dicir algo así é como preguntar que empresa vai subir na bolsa, seguramente porque son case a mesma pregunta. Nos vindeiros anos seguramente cheguen a nós máis pantallas curvadas, mesmo quizais comecen a asomar as transparentes. Veremos como cada vez máis a tecnoloxía acolle todo no seu seo, dende o máis cotián coma son os reloxos, gafas, etc, até o que usamos moi de vez en cando con sistemas integrados no coche, televisións cada vez máis e mellor conectadas… Pero a verdadeira revolución será a que non esperemos, coma leva pasando moito tempo.

"Veremos como cada vez máis a tecnoloxía acolle todo no seu seo, dende o máis cotián coma son os reloxos, gafas, etc, até o que usamos moi de vez en cando con sistemas integrados no coche, televisión..."

A despedida remata, digamos, cun punto e aparte. Como é (ou como debería ser) ese medio sobre tecnoloxía en galego que vos gustaría facer?

Se non che importa vou contestar á mesma pregunta dúas veces cun pequeno e sutil cambio. Cal é o medio sobre tecnoloxía que nos gustaría facer? Pois aquel que innove, busque novas formas de chegar ao usuario, de achegar a tecnoloxía a todo o mundo e que permita a calquera persoa de calquera status social entender como funcionan as cousas, por que son así e que as fixo chegar ata aquí. Ocórrenseme infinidade de medios nos que me basearía para darlle forma a esta idea pero a realidade é outra, a realidade da pregunta é 'cal é o medio que imos facer coas nosas limitacións?'.

"O medio no que xa estamos traballando buscará suplir os puntos febles dun proxecto de baixo orzamento, cambiando cantidade por calidade, producindo poucos artigos pero moi bos, completos, interesantes e que poidan chegar a calquera tipo de lector"

Pois o medio no que xa estamos traballando buscará suplir os puntos febles dun proxecto de baixo orzamento, cambiando cantidade por calidade, producindo poucos artigos pero moi bos, completos, interesantes e que poidan chegar a calquera tipo de lector. Como che comentaba antes, a nosa guerra en Internet non poder ser con aqueles que poder producir vinte artigos ao día, porque nós non temos medios para competir aí, así que o que faremos é competir no que si sabemos e podemos, e isto é calidade, contido cen por cento orixinal e de creación propia. Dende logo, teremos oco para o día a día tecnolóxico pero tan só coma unha forma de non perder detalle do que está a ocorrer aí fóra.

Como podes imaxinar xa estamos traballando nisto e tampouco quero desvelalo todo, o certo é que somos varias cabezas as que estamos dedicando o noso tempo e esforzo a este novo proxecto, algo que non só será tecnoloxía, senón que levará da man máis cousas, algo que espero que sorprenda e enganche o lector por partes iguais.

Captura de pantalla de A Mac-eira © Ganapán comunicación
Captura de pantalla de Galiloxía © Ganapán comunicación

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.