0 Gardados para despois

O #INLUGO14 esgota as súas 200 prazas nunha hora

Redacción | @prazapublica

O Congreso de Cultura Dixital e Redes Sociais, #INLUGO14, celebrará os días 6 e 7 de xuño a súa segunda edición. Se a primeira acadou un notable éxito de asistencia, e tamén foi saudado pola calidade dos seus contidos, semella que a deste ano superará as marcas. O evento esgotou en menos dunha hora as 200 prazas dispoñibles para seguilo in situ no Salón de Actos do Pazo de San Marcos da cidade lucense.

Ramón Lobo, Delia Rodríguez, Clara Ávila ou Carlos Guardián son algúns dos relatores principais

O Congreso contará coa participación do xornalista Ramón Lobo; de Carlos Fernández, responsable da conta de twitter da Policía Nacional (@policia), o corpo de seguridade con máis seguidores en a nivel mundial, por diante do FBI; Pepo Jiménez (@kurioso); a xornalista Delia Rodríguez (Huffington Post), experta en Internet e autora de Memecracia, onde relata o fenómeno dos memes e virais, así como a súa influencia na sociedade; Efrén Vázquez  (participante lucense en Master Chef); a blogueira Clara Ávila, premio Bitácoras ao mellor blog tecnolóxico por La Chica del Facebook, agora co título de Claraavilac.com; Carlos Guadián, editor de K-Government, un dos blogs referenciais do Goberno Aberto; Cristina Juesas, asesora do proxecto do Goberno Aberto do Goberno Vasco, pioneiro en España; Paloma Abad (El País Semanal); ou Laura Pintos (Mujerhoy.com). Tamén participarán blogueiros lucenses, coma Elio Laureano, Hugo Iglesias, Rubén Pérez ou Santiago Martínez.

Entregaranse os Premios INLUGO, que recoñecen aquelas iniciativas, persoas e organizacións da provincia que están a destacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías

De igual xeito, entregaranse os Premios INLUGO, que recoñecen aquelas iniciativas, persoas e organizacións da provincia que están a destacar no bo uso de Internet e as novas tecnoloxías. Até este mércores está aberto o prazo para enviar candidaturas en todas as categorías: Comercio, Lecer e Restauración; Educación e Formación; Cultura e Social; e Tecnoloxía.

Ante a espectacular acollida, que mesmo superou as cifras do pasado ano -cando as entradas se esgotaron en seis horas-, a Deputación habilitará o Salón de Plenos, no que quedará instalada unha pantalla xigante que emitirá o Congreso en directo. Para poder seguir o desenvolvemento de todas as actividades dos días 6 e 7 de xuño dende este Salón, os interesados e interesadas poderán facerse coa súa entrada a partires das 12:00 horas do martes, 3 de xuño, nas web www.deputacionlugo.com ou www.inlugo.com. O congreso tamén se poderá seguir a través das redes sociais, co hashtag #inlugo14, e en directo, vía streaming, grazas ao traballo dos alumnos e alumnas da Fundación TIC.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.