Os premios fin de carreira, cousa de mulleres

Premios fin de carreira nas universidades galegas, por xénero Dominio Público Praza Pública

40 dos 58 premios fin de carreira para o alumnado graduado nas universidades galegas no curso 2012-13 corresponderon a mulleres, un 69% do total, o que constitúe unha proporción récord nos últimos anos. Nos tres cursos anteriores sempre se concedera este recoñecemento an maior número ás licenciadas que aos licenciados varóns, aínda que con distribucións máis igualadas (entre un 54% e un 58% de premios para as tituladas).

As mulleres son, dende hai varias décadas, clara maioría no total de persoas licenciadas. No curso 2000-2001 supoñían o 62,3% do total, e dende entón esta porcentaxe, que chegou a ser do 64% no curso 2007-08, non descendeu do sesenta por cento. No curso 2012-13 as mulleres foron o 61,6 das graduadas.

  2011 2012 2013 2014
Mulleres 30 35 37 40
Homes 24 25 32 18
Total 54 60 69 58

Premios fin de carreira entregados en Galicia dende o curso 2009-2010

A Universidade de Vigo é o centro no que se rexistrou este ano unha maior proporción de mulleres premiadas. 13 dos 18 premios fin de carreira recibidos polo estudantado dos campus de Vigo, Pontevedra e Ourense foron para mulleres, e 5 para homes. Iria de Dios (Grao en Linguas Estranxeiras), Elda Miramontes (Ciencias do Mar), Helena Pose (Administración e Dirección de Empresas) e Sara Bouzas (Ciencias da Actividade Física e Deporte) son catro das alumnas recoñecidas con esta distinción, segundo destaca o diario dixital da Universidade de Vigo, que as entrevista.

Os premios fin de carreira teñen como finalidade recoñecer o traballo, esforzo e excelencia das mellores traxectorias académicas dos e das estudantes das universidades galegas. Das 58 persoas premiadas 24 proveñen da Universidade de Santiago de Compostela, 18 da Universidade de Vigo e 16 da Universidade da Coruña. Todas e todos recibirán a máxima dotación económica, fixada en 2.500 euros, así como un diploma acreditativo desta distinción. Contando con esta última resolución, nos seus 24 anos de historia un total de 1.004 titulados e tituladas do Sistema universitario de Galicia obtiveron este premio.

Iria de Dios, Elda Miramontes, Helena Pose e Sara Bouzas, catro das estudantes con premio fin de carreira © Universidade de Vigo
Premios fin de carreira nas universidades galegas, por xénero Dominio Público Praza Pública

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.