0 Gardados para despois

Misión Rosetta: Unha "partida de billar cósmica" de máis de dez anos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


Un evento científico de primeira magnitude que é comentado con profusión nas redes sociais e mesmo consegue chegar ás primeiras páxinas da prensa e rabuñar un chisco dos informativos televisivos. Que pasou este mércores coa sonda espacial Rosetta da Axencia Espacial Europea? Por que é un fito histórico para a investigación espacial? Como xa aconteceu en anteriores ocasións, a chegada dunha actividade científica complexa ao gran público adoita ter o risco de ficar diluída na pirotecnia dos titulares se, por tras, non hai persoas expertas na divulgación, cun pé no ámbito do coñecemento que se trate e outro, na comunicación. Isto é o que vén de facer a Universidade de Santiago a través do seu profesor de Astronomía e Astrofísica Manuel Andrade co gallo da chegada da Rosetta ao cometa cometa 67P/Churyumov-Gerasimenko.

A chegada do robot Philae ao cometa é un feito inédito na investigación espacial

O pasado 4 de novembro este docente do campus de Lugo ofreceu unha conferencia para explicar a importancia desta "partida de billar cósmica que se eva xogando durante máis de dez anos" e que vén de ter como resultado que o robot Philae lograse pousarse no cometa, algo que sucede "por primeira vez na historia" e que abre unha perspectiva inédita para estudar os "obxectos máis antigos do sistema solar". Daquela palestra xurdiu esta peza audiovisual, na que Andrade explica "a historia desta misión espacial dende unha perspectiva divulgativa".

A peza ofrece unha "explicación sinxela e asequible, pero tamén rigorosa" desta misión

O vicerreitor de Desenvolvemento Científico e Tecnolóxico da USC, Andrés Barreiro, e o propio Manuel Andrade veñen de presentar o vídeo, acabado de realizar e difundido mediante licenza Creative Commons. trátase, explican, de difundir "unha explicación sinxela e asequible, pero tamén rigorosa", dunha misión espacial histórica. A iniciativa, salientan, "pretende conxugar a vocación de transmisión de coñecemento á sociedade" co uso das novas canles de comunicación. Tamén, resaltan, é unha mostra da "capacidade da universidade pública galega para xerar contidos e informacións científicas propias".

Explicación da misión Rosseta dende a USC

CC BY-SA USC

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.