0 Gardados para despois

Redes Sociais: Estamos nelas pero de verdade sabemos usalas?

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena


Todo o mundo (ou case) sabe o que son as redes sociais. E todo o mundo (ou case) usa as redes sociais, de forma máis ou menos activa. Pero seguramente moitas persoas, empresas, institucións, partidos políticos ou organización de calquera tipo están moi lonxe de usalas da mellor forma posible e de aproveitar todas as súas potencialidades. E o mesmo sucede con outras ferramentas propias da comunicación online, ou do personal branding, isto é, o seu posicionamento dixital, a primeira impresión que estas persoas ou entidades ofrecen a través da rede.

Para afondar en todas estas cuestións e debater as últimas tendencias dun entorno en constante cambio a Universidade de Vigo organiza o vindeiro luns na Facultade de Ciencias Sociais e Comunicación de Pontevedra as xornadas Social Media Day, coa participación de catro expertos e expertas galegas, que desenvolven a súa actividade profesional neste campo: Iago Varela, Cristina Fernández, Óscar Reboiras e Verónica Ramallal. "Si que é certo que todos estamos en redes sociais, pero ter unha conta nunha rede social non te converte en profesional das redes sociais, da mesma maneira que hai moita diferenza entre ter o carné de conducir e ser piloto de fórmula 1. As redes sociais están aí e hai que saber utilizalas e utilizalas ben. Se es unha empresa ou institución debes saber comunicar o que tes que dicir", destaca Xabier Martínez Rolán, organizador das xornadas.

"As redes sociais están aí e hai que saber utilizalas e utilizalas ben. Se es unha empresa ou institución debes saber comunicar o que tes que dicir"

"Os relatores" -destaca Rolán- "non son estrelas, son persoas que se dedican profesionalmente a isto". "Eu, persoalmente, estou un pouco canso de que neste tipo de xornadas se poñan os mesmos exemplos e se conte o mesmo discurso, centrado na actividade e experiencia das grandes empresas. As grandes empresas comunican a través das redes sociais, pero tamén o fan as pequenas", destaca.

O papel das redes sociais na difusión de medios coma os blogs centrará o relatorio de Iago Varela, coordinador do blog Mallando no Android, mentres que os vínculos entre estes novos medios e o deseño serán o eixo da intervención da deseñadora gráfica Cristina Fernández, que traballa na empresa que xestiona as redes sociais de Estrella Galicia ou Gadis. Xabier Rolán salienta a este respecto que "a web 2.0 está evolucionando cara a un carácter cada vez máis visual, no que a fotografía, o vídeo ou os gifs animados cada vez teñen máis peso, perdendo importancia o texto".

Por outra banda, o xestor de comunidades virtuais Óscar Reboiras, que xestiona as redes sociais de R -"todo un exemplo de como debe funcionar un servizo de atención ao cliente a través de redes sociais", sinala Rolán- tratará as claves da atención ao cliente nestas plataformas. Mentres, Verónica Ramallal afondará nos conceptos de personal branding, sobre todo centrada no posicionamento online, na creación dunha marca persoal na rede, que é algo cada vez máis importante. "Penso en todas aquelas persoas que van a unha entrevista de traballo. Igual que nós googleamos as empresas, tamén as empresas nos googlean a nós. Ter un bo perfil online pode ser un bo motivo para aceptar ou descartar un candidato nun proceso de selección de persoal", subliña Rolán.

"Penso nas persoas que van a unha entrevista de traballo. Igual que nós googleamos as empresas, tamén as empresas nos googlean a nós. Ter un bo perfil online pode ser un motivo para aceptar ou descartar un candidato nun proceso de selección"

Este mundo cambia rapidamente e sen cesar. É moi distinto organizar unhas xornadas sobre redes sociais neste momento do que era facelo hai apenas tres ou catro anos. "As redes sociais xa están asentadas e atópanse nunha fase de madurez", sinala Rolán. "O número de usuarios de FB en España está xa estancado, xa non medra, cunha perda de usuarios entre o público xuvenil aínda que segue crecendo entre os maiores de 45", engade. "Estas ferramentas non van ser eternas, cambian continuamente. Posiblemente, se en 2020 volvemos facer estas xornadas xa non falaremos de Facebook nin de Twitter, pero si que falaremos de redes sociais", di.

"Trátase de reconfigurar a túa profesión, que é comunicar, adaptándoa a estas plataformas, a como se fala nelas e a como son os públicos en cada unha delas"

"Dominar estas ferramentas é fundamental" -destaca Rolán- "e máis aínda nun entorno tan cambiante e tan competitivo como é o noso da comunicación". "O emprego como community manager é unha estupenda alternativa laboral para a xente que se formou en xornalismo, por exemplo, sobre todo nunha situación de crise dos medios", explica. "Trátase de reconfigurar a túa profesión, que é comunicar, adaptándoa a estas plataformas, a como se fala nelas e a como son os públicos en cada unha delas. Como non lles falamos igual aos nosos pais que aos nosos colegas, tampouco falamos igual nunha nota de prensa que en twitter", di.

"O community manager é unha profesión real. Unha parte moi importante das ofertas de traballo que saen no mundo da comunicación están orientadas á comunicación online", lembra, aínda que recoñece que como en calquera fenómeno en crecemento houbo e segue a haber unha certa "burbulla" ao seu redor, tamén no aspecto formativo. "Facer unha profesión regrada neste sector é complexo, porque é un entorno completamente cambiante. Se ti deseñas agora un plan de estudos para unha carreira, cando este plan de estudos se imparta posiblemente estará xa desfasado", comenta. "Comunicar levamos milleiros de anos comunicando, pero o que cambian son as ferramentas concretas. Esta é unha profesión que esixe de moita dedicación e dun certo autodidactismo, de tratar de ir aprendendo día a día. E en parte por isto organizamos isto: trátase de darlle cabida na universidade a esta formación", conclúe.

"Esta é unha profesión que esixe de moita dedicación e dun certo autodidactismo, de tratar de ir aprendendo día a día"

O evento, que comezará ás dez da mañá, será retransmitido en streaming a través do servizo audiovisual da Universidade de Vigo. Empregará ademais o hashtag #CMDayFCSC. As xornadas coinciden ademais co Día Mundial do Community Manager, que se celebra dende hai uns anos o cuarto luns do mes de xaneiro.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.