A nova universidade 3+2: críticas, confusión e alfombra vermella para a privada

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

O Consello de Ministros aprobou ste venres a reforma universitaria que permitirá a redución dos actuais graos de 4 anos a 3, e o conseguinte incremento dos máster de 1 a 2 anos. Dende o Goberno arguméntase que se busca unha converxencia con Europa (moitos países incorporaron hai anos este modelo 3+2, mentres que outros como España escolleron o 4+1), unha maior especialización e defenden que a medida é "opcional".

Porén, a reforma leva meses sendo criticada dende distintos ámbitos: estudantado, sindicatos, partidos da oposición e os reitores, a través da CRUE, criticaron a falta de diálogo do executivo, o innecesario dunha medida que xerará "confusión" e que, ademais, incrementará o prezo das matrículas. Subliñan tamén que este modelo facilitará a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster. Se hoxe un máster ten un custe de 5.000 euros, a partir desta reforma duplicará a súa matrícula ata os 10.000 euros e será, ademais, de obrigada realización para acadar a formación esixida para determidadas profesións, ao reducirse a duración dos graos.

O pasado mes de xullo a Conferencia de Reitores (CRUE) publicou un informe que cuestionaba a reforma, comezando polo caos que podería xerar a coexistencia de graos de 3 e 4 anos con, en principio, idéntica validez. Lembraban, ademais, que aínda estaba moi recente a última gran reforma do sistema, produto do Plan Boloña, que aínda era cedo para valorar os seus resultados e que unha nova reforma levaría á cohabitación de ata tres plans de estudos distintos.

O novo modelo facilitará a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster

A CRUE denunciaba que, dado que tanto para a equiparación europea das titulacións coma para o acceso ao desempeño profesional en determinadas áreas, era necesario cursar catro anos (240 créditos), "na práctica, o estudante deberá realizar necesariamente grao e máster, o que supón, no contexto económico actual e a actuañ dispoñibilidade de bolsas, un elevado custe social". Preguntábase se "existirá a posibilidade de estudos integrados de grao e master a prezo de grao". O informe concluía que "non se dan as condicións necesarias nin a oportunidade para implantar agora un modelo distinto que poida contribuír a un maior desequilibro da nosa oferta universitaria, a súa estrutura e a forma de organización". Tan só os reitores dalgunhas universidades catalás apoian a reforma.

Os reitores das tres universidades galegas expresaron en varias ocasións opinións semellantes. O reitor da UDC, Xosé Luís Armesto, denunciou que se trata dun "cambio precipitado e inoportuno porque aínda non tivemos tempo de avaliar os resultados da implantación dos graos e, sobre todo, elevará o custe da formación universitaria para o estudantado porque os prezos de matrícula dos posgraos son superiores aos dos graos”. De igual xeito, o reitor da Uvigo, Salustiano Mato, cualificou a reforma de "despropósito" e sinalou que se "necesita ter unha posición o máis homoxénea posible para que os títulos sexan equivalentes e que haxa igualdade de oportunidades"; ademais, subliñou que resulta "contraditorio" que "lles recorten competencias en todo tipo de cuestións ás universidades e que en cambio si lles dean autonomía para decidir se queren graos de tres ou de catro anos". Tamén o reitor da USC, Juan Viaño, sinalo que "é o momento de valorar o que temos e non de facer cambios" e alertou da "confusión" que pode xerar a coincidencia de plans de estudos de tres, catro e cinco anos para unha mesma titulación.

Para os reitores, "na práctica, o estudante deberá realizar necesariamente grao e máster, o que supón, no contexto económico actual e a actuañ dispoñibilidade de bolsas, un elevado custe social"

O debate tamén chegou ao Parlamento galego, onde a portavoz de Universidade do Grupo Socialista, Concepción Burgo, denunciou que "o novo sistema universitario que quere impoñer o goberno co beneplácito da Xunta beneficia s universidades privadas”. Para a deputada socialista o PP “quere atacar ao modelo de universidade pública e camiñar a unha Universidade de elite á que só poidan acceder os cidadáns con maior poder adquisitivo, perdendo a Universidade o seu papel de motor da equidade e da igualdade de oportunidades”. A resposta do portavoz de Educación do Grupo Popular, Román Rodríguez, foi que “a medida adoptada no 2007 [o modelo de 4+1] alonxounos de países como Francia, Reino Unido ou Alemaña, que contan cun sistema de 3+2 ou no que conviven ambas modalidades". Rodríguez engadiu que o actual modelo "sitúanos ao carón de países como Armenia ou Azerbaián”.

Hai dúas semanas o Consello de Estado emitiu un informe crítico coa reforma gubernamental, denunciando que ofreceu “un prazo moi breve” para o seu debate

Hai dúas semanas o Consello de Estado emitiu un informe crítico coa reforma gubernamental, denunciando que ofreceu “un prazo moi breve” para o seu debate, e que pedía que se adiase a súa tramitación para permitir “unha adaptación máis coordinada polas Universidades ao novo sistema". O ditame sinalaba que a "falta de estabilidade" nos modelos non semella "beneficiar a consecución dunha educación de calidade en España”. Porén, o Goberno non escoitará o Consello de Estado, como tampouco escoitou a opinión maioritaria dos reitores (que se reunirán este mes de febreiro para analizar a situación e a resposta que ofrecerán) nin da comunidade universitaria.

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.