As universidades acordan adiar dous anos a reforma 3+2 impulsada polo Goberno

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

A Conferencia de Reitores (CRUE) aprobou este luns adiar a posta en marcha dos graos de tres anos de duración cando menos ata 2017. A decisión foi votada pola práctica totalidade das universidades públicas españolas, con 57 votos a favor, cinco abstencións e un só voto en contra. A reforma, aprobada o pasado venres, levaba meses sendo criticada dende distintos ámbitos: estudantado, sindicatos, partidos da oposición e os propios reitores, que denunciaran a falta de diálogo do Executivo, o innecesario dunha medida que xeraría "confusión" e que, ademais, incrementaría o prezo das matrículas. Subliñaban tamén que este modelo facilitaría a competencia das universidades privadas, que non poden competir nin en calidade nin en prezo coa oferta pública de graos, pero si o poden facer na de máster 

O reitor da Universidad Complutense, José Carrillo, foi o encargado de explicar en rolda de prensa a posición acordada na Asemblea Xeral. Carrillo salientou que "como o decreto permite que sexan as universidades as que decidan, dedicimos que non haxa novos graos de tres cursos até setembro de 2017" e explicou que nos dous anos que restan, buscarán analizar o funcionamento do actual sistema de graos (aínda de implantación recente), reflexionando de forma conxunta sobre a necesidade de introducir cambios. Carrillo defendeu que coa moratoria acordada se garante o mantemento da "cohesión do sistema", que se vira ameazada polo decreto do Goberno, que podería ter levado a que existise "un grao de tres anos nunha universidade e un de catro na de enfronte ou noutra comunidade".

A moratoria, explicou Carrillo, debe posibilitar "a elaboración duns criterios homoxéneos para a súa implantación en todo o territorio nacional"

A CRUE xa adiantara o pasado venres que non consideraba que se desen "as condicións necesarias nin a oportunidade para implantar agora un modelo distinto que poida contribuír a un maior desequilibrio na oferta de titulacións universitarias". A moratoria, explicou Carrillo, debe posibilitar "a elaboración duns criterios homoxéneos para a súa implantación en todo o territorio nacional, evitando contradicións e incoherencias nas decisións que poidan adoptar as Comunidades Autónomas e as Universidades". Ademais, lembrou que ao longo deste ano moitas comunidades autónomas (todas agás Galicia e Euskadi) vivirán eleccións que poden mudar os seus gobernos, o que aconsella agardar para adoptar este tipo de decisións. 

A preguntas dos xornalistas, Carrillo desautorizou un dos principais argumentos defendidos polo Ministro Wert: o da homologación internacional de títulos. O reitor da Complutense lembrou que hai países europeos con graos de cuatro anos e outros de tres, que en América Latina ou os Estado Unidos o máis habitual son os de catro anos e que mesmo países con titulacións de tres anos, como Alemaña, estudan pasar a ter estudos de catro anos.

 

Posición do estudantado

Antes do anuncio realizado pola CRUE, representantes da Coordinadora de Representantes de Estudantes de Universidades Públicas (Creup) compareceran publicamente para demandar unha moratoria que deixase o decreto do Goberno sen aplicación e unha análise en profundidade da aplicación do Plan Boloña.

"A principal premisa para mudar o modelo de estudos foi a homologación de títulos co resto da UE e os beneficios que suporía para a mobilidade de estudantes e titulados por Europa. Esta premisa era falsa cando se iniciou o anterior proceso e ségueo a ser agora"

A Asemblea Estatal de Representantes de Estudantes, na que están representados os consellos estudantís da Universidade da Coruña e da Universidade de Vigo, publicara ao longo da fin de semana unha declaración contraria ao proxecto do ministro Wert. O texto lembraba que "hai 8 anos impúxosenos, desoindo a voz do estudantado, o coñecido Plan Bolonia, que ao non vir acompañado dun axeitado sistema de bolsas e axudas, supuxo o inicio dun camiño que pretende restrinxir o acceso á Educación Superior en base a criterios económicos e no que se ten afondado considerabelmente dende entón, cun sistema de bolsas cada vez máis precario e restrinxido, e uns prezos públicos a cada paso máis inaccesíbeis".

Engadía que "a principal premisa que se utilizou para mudar o modelo de estudos foi a homologación de títulos co resto da Unión Europea e os beneficios que suporía para a mobilidade de estudantes e titulados por Europa. Esta premisa era falsa cando se iniciou o anterior proceso e ségueo a ser agora" e concluía que "a transición ao sistema de graos básicos de 3 anos minosvalorados e 2 anos de mestrado supón un paso máis no camiño da privatización do Ensino Público".

"O prezo de cada ano de mestrado sitúase entre o dobre e a tripla do prezo dun ano de grao”

De igual xeito, Brais Fortes, responsable nacional dos Comités, denunciaba que "nos últimos anos as universidades pasaron de ser centros de coñecementos a creadoras de man de obra barata" e sinalaba que "o prezo de cada ano de mestrado sitúase entre o dobre e a tripla do prezo dun ano de grao”. Fortes tamén lembraba que "as bolsas para o grao endureceron as súas condición académicas con respecto ás licenciaturas, mentres nos mestrados esixen unha nota media de notábel para obter a bolsa”.

Unha das bibliotecas da UDC © Universidade da Coruña

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.